Neuer Arbeitsvertrag

Foi no mes de xullo pasado cando a mamá de opedro veu acó a deixar un post a contar o que levaba pasado desde que buscou con todas as súas forzas convertir nunha realidade o de conciliar a vida familiar e laboral.

Daquela apuntou,

Agora ven un novo reto, cerca da casa, un bo horario, un soldo que para os tempos que corren non está nada mal,….pero, debe ter algún pero, e niso estou….agardando a comezar e buscando todos os peros que van vir…ou non os haberá?

Si que era un reto, no seu primeiro día á persoa responsable da xestión dos recursos humanos parecíalle imposible que se trabucase e lle dixese o horario que non era. Aceptouno como viña, facía o seu traballo e marchaba para casa, unha hora por riba do horario estipulado mentres os corpos aos que apenas lles coñecía o nome e, moito menos, a voz, seguían inclinados sobre os seus teclados.

Seguro que máis de un coñece ou oiu falar dalgún deses campos de concentración de personal administrativo pero os que aínda son quen de identificar o seu actual posto de traballo, non o comentarán, nin teñen tempo para vir aquí a ler isto e, se o tivesen, non o perderían aquí comentando.

Sen posibilidade de negociación da súa condición e logo de dúas semanas alí metida puido sair cun salvoconducto en forma de contrato de sustitución. E ao rematar o contrato escampou, pero só cando pasou a ser unha das cifras coas que xogan os políticos cando falan de desemprego.

Paseniño e conforme ía buscando por ofertas de emprego fomos sabendo que o da conciliación laboral e familiar non é coñecida no mercado do traballo, que hai moi poucos traballos nos que poidas adaptar o teu horario aos dos teus. Entendes como hai pais que teñen que deixar aos fillos ás tantas da mañá en escolas que van abrindo máis cedo, ou deixalos a actividades extraescolares ás tardes, ou buscar a alguén que teña conta deles ata chegar do traballo.

Dame risa ler na prensa o do trunfo da Europa social ao botar atrás a directiva de extensión da xornada laboral ata as 65 horas na boca dos que falan de seguido de conciliación familiar, cando o que fan non é máis que dar prioridade ás necesidades do sistema económico e do mercado de traballo fronte ás necesidades das persoas. Neste punto no que o mercado é o que regula a nosa vida social, os que viven fóra dese, tan desexado por moitos, espazo de protección social apenas coñecen xornadas de traballo sen fin, que non constan en papel ningún, contratos de merda con soldos de merda, fillos abandoados toda a tarde co televisor, consola ou ordenador logo dunha xornada escolar alongada case tanto como a dos seus pais, aos que non ven nin no parque, nin nos seus xogos, tampouco os teñen cerca para preguntarlle as dúbidas nos seus traballos escolares e, en moitos casos, nin á hora de cear.

Forges en: traballo escravo

A mamá de opedro empeñouse en que algo tiña que haber cunha xornada inferior a 6 horas e, logo de eliminar do seu curriculum calquera referencia a licenciaturas, masters, idiomas, etc., comezaron a chamala para ir facer entrevistas para postos administrativos, panaderías, comedores escolares, repoñedores de almacén, nos que a oferta ben podería comezar con algo así como, Buscamos persoa afogada economicamente á que non lle quede outra que aceptar o contrato de merda que lle ofrecemos.

Nesas condicións, o desemprego era unha situación envexable e a única posible para seguir residindo baixo o cobertor dunha certa protección, e nesas estaba ata a semana pasada. Unha nova entrevista abriulle os ollos; valoraron a súa formación e a súa experiencia laboral, a entrevista e o seu novo traballo transcorre en inglés e o soldo é para bater palmas. Claro que ten parte negativa, que o tempo do contrato é moi pequeno, só ata o verán.

Opedro aínda non o sabe, pero temos moitísimos motivos para sentírmonos orgullosos da mamá da nosa casa. Sorte, mamá.

5 Comments

  • Alédome moitísimo.

  • parabéns, ainda que sexan parabreves.

    Xa lle notei eu a esta rapaza que valía moito :-D

    apertas

  • Olá :)

    So quería darte as grazas polo de cativadas, se non te importa enlaceino no meu blogue.

    Un bico

  • parabens, e a seguir a luita.

    unha aperta!

  • Quien por razón de guarda legal tenga a su cuidado directo algún menor de seis años o a un disminui-do físico. psíquico o sensorial, que no desempeñe una actividad retribuida, tendrá derecho a una reducción de la jornada, con la disminución proporcional del salario entre, al menos un octavo y un máximo de la mitad de la duración de aquella.

    Pois co convenio na man, ainda non houbo quen conseguise unha reducción de xornada. Así están as cousas por aquí.

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *