Cartografía histórica sobre Google Maps

David Rumsey é un paisano que comezou a recopilar mapas hai máis de vinte anos; interesado en primeiro lugar pola cartografía das Américas dos séculos XVIII e XIX tamén deu en recoller mapas mundi e cartografía doutros continentes, así como atlas, cartas náuticas, mapas de peto, escolares, infantís e ata manuscritos.

Cunha colección de máis de 150.000 mapas, Rumsey leva escaneados desde 1999 máis de 17.000 deses mapas, poñéndoos na súa páxina a disposición de calquera que desexe consultalos, baixalos, copialos ou distribuilos para uso persoal, xa que, para iso, utiliza unha licencia Creative Commons, sen ataduras de copyright ningún.

Hoxe en día a David Rumsey Historical Map Collection é a maior colección privada de mapas do mundo, e se non lle chegaba con disponibilizar moitos deles de balde, Rumsey tamén foi adiantado na hora de xeoposicionar estas cartas históricas sobre fotos de satélite e mapas actuais para poder comparalos coma se fosen unha capa máis de datos do mapa.

península ibérica 1701 da colección rumsey sobre gmaps

Así, no mes de maio pasado, el mesmo publicaba no blog que manteñen os equipos de google earth e google maps o anuncio no que se engadían máis de 100 novos mapas históricos como unha capa de visualización sobre os servizos de mapas de google para sumar un total de 120 para, dese xeito, podermos gozar desa cartografía histórica da súa colección xeoposicionada sobre google maps, e google earth, e comparar xogando coas transparencias das imaxes aéreas e mais dos mapas da súa colección desde o navegador.

Recomendo buscar tempo para navegar por entre a impresionante colección de mapas que proporciona Rumsey, ademais dos que ten como unha capa de google maps; mentres non se lle bote unha ollada, non saberá o que se perde. Só de Portugal e España suman máis de 150.

2 thoughts on “Cartografía histórica sobre Google Maps

  1. Pingback: Mapas vellos · opaco

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *