The Box
The Box é un proxecto que naceu desde a BBC, onde están a seguir un container standard de 40 pés, dry para máis señas, no seu roteiro por todo o mundo ao longo de un ano. A idea é ir xerando contidos para contarnos historias sobre a economía mundial e mais da globalización en escenarios que foron xurdindo desde que o tránsito de containers fixo a súa aparición no comercio mundial.

Cos datos do GPS e coa colaboración do CSIS (Container Shipping Information Services) pódese ver o percorrido sobre un mapa interactivo do NYKU8210506, que é o código de identificación do container. Malia que a actualización da posición do container non é inmediata e que segundo o lugar da súa estiba a bordo dun buque pode dificultar a adquisición de sinais dos satélites, leva uns días sen actualizar por causa duns problemas técnicos.
Con todo, ese código de identificación dá para sabermos que ese container rotulado coas cores da BBC pertence á naviera NYK (Nippon Tusen Kaisha), que no seu sitio web permite facer tracking dos containers.

É unha mágoa que non se poida seguir sobre o mapa o seu percorrido en tren polos Estados Unidos desde Los Angeles a New Jersey, a onde leva unha carga de productos de consumo que van desde accesorios de moda ata cintas métricas, que antes cargara en Shanghai.
Quizais haxa unha nova oportunidade para que chegue ás nosas costas ou pase por fronte a elas, como xa o fixo a finais de setembro camiño de Shanghai co whisky escocés que embarcara dun camión chegado desde Escocia, malia que á vista do mapa que amosa os maiores portos de mercadorías por volume de tránsito e á vista do percorrido que leva feito, parece pouco probable.
