Ensaimada amb sobrassada

Antònia Font actuaron por primeira vez nesta terra. Na Fábrica de Chocolate, foi onde demostraron que malia cantar no seu catalán de Mallorca pódese encher unha sala de concertos de Vigo un xoves pola noite.

Alí mesmo comentaba co zerovacas o seu post de hai uns meses (de primeiros de 2007) onde a pregunta era ¿Escoitaremos algún día a Antònia Font cantando en Galicia? E alí estabamos, como ben apunta desde Vieiros,

Unha Fábrica de Chocolate chea, con seguidores da banda chegados de toda Galiza, empregaron os primeiros minutos do concerto para tomar conciencia de que estaban vendo en directo ao grupo que tantas veces escoitaran.

Ou ben tamén poderían ser eles os que estaban tomando conciencia de estar actuando na periferia da súa periferia, cun comezo que incluso podería parecer frio ata que apareceu un contundente Astronauta Rimador que nos fixo acordar.

Logo, naquel universo de foguetes, extraterrestres, astronautas, mecanismos, robots, cosmonautas, a mamá de opedro e mais todos os que estabamos entendiamos o mallorquín e escoitabamos as historias do Comandante Armando Rampas, o que fode en todas as azafatas unha atrás da outra, saltabamos con Wah Yeah, cantabamos Alegria e Vos estim a tots Igual, e rexeitabamos unha invitación para bailar un vals con Vitamina Sol mentres sorriamos ao vermos ás parellas bailar.

E foi só ao final que puidemos coñecer ao Catedrático Yuri Puskas, ao que sentimos marchar no seu batiscafo monoplaza de cor descoñecida cara a onde cantan as sereas nunha fermosa canción, e iso, en directo, foi impresionante.

Na volta a casa, un sorriso enorme, entendendo de porque a opedro lle gusta Wah Yeah, malia que el pida que se lle poña a de Sa lluna i S´estrella, e lembrando que se o meu pouco catalán non me engana, invitáronnos a unha ensaimada con sobrasada cando formos por Mallorca.

2 Comments

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *