Encolando metadatos e mapas

Disque había, hai menos dun mes, uns 90 millóns de fotos xeoetiquetadas en Flickr, isto é, fotos con información tal que a latitude e lonxitude do lugar onde foron sacadas, e moitas delas ademais cunha descripción xeográfica («Na Praia de Rodas», «Pazo de Raxoi en Santiago», «Porta de Carlos V en Viveiro»,…)

Ese número segue a medrar, pois cada vez son máis as cámaras e teléfonos que son quen de adxuntar ás imaxes, ademais do nome do trebello, data, apertura do obxetivo ou resolución da imaxe, a información xeográfica de onde foron tiradas. Nesas xeoetiquetas, Flickr garda ata seis Where On Earth (WOE) IDs, identificadores únicos que se corresponden coa xerarquía dos lugares onde se tirou a foto: barrio, cidade, concello,… ata continente. Con todos eses datos, un grupo de programadores deu en misturalos utilizando técnicas de xeolocalización para xerar visualizacións deses datos de Flickr e crear polígonos dunhas 150.000 áreas xeográficas.

Vietnam shapefile

Noutras palabras, Flickr, sen utilizar mapas, foi quen de representar áreas xeográficas que malia non ser perfectas, si que se semellan ás áreas administrativas ás que fan referencia; pois, se estas últimas están perfectamente delimitadas e cartografiadas, as que xera Flickr son froito das fronteiras tal e como son percibidas pola xente que vive e visita eses lugares, son apenas fronteiras mentais xeradas pola experiencia ou o maior ou menor coñecemento dos lugares fotografiados da xente que tira esas fotos.

Este proxecto non está aínda sequera en fase beta pero xa fixeron público este servizo a través de APIs para permitir aos seus usuarios xerar os seus propios mapas. E un dos primeiros en facelo foi Tom Taylor, que creou Boundaries, no que partindo do nome dun lugar e tirando dos apuntados WOE tenta atopar e debuxar os lugares viciños.

Vigo shapefile

Así, de Vigo e considerando a xerarquía espacial entre os lugares xeoetiquetados, o servizo tenta plasmalo sobre un mapa e aparecen Bouzas, Navia e algo parecido a Lavadores dentro de Vigo e, compartindo polígono, Teis e Candeán. Porén, os resultados non son sempre correctos, ben por falta de imaxes xeoetiquetadas, ou por que o lugar comparte WOE con outros lugares, coma no caso de Coruña, na que só considera a provincia, pero dá para xogar a descubrir a cartografía xerada polos usuarios de Flickr ao comparala sobre un mapa administrativo.

E é que, como ben apuntan no blog de Flickr, estes mapas non son para usalos a guiar unha nave espacial de volta á terra, pero son bos dabondo para explorar as posibilidades que ofrecen eses datos.

No Comments

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *