44 sticks and 25 balls

Calquera cousa nos valía, os coxíns dos sofás daban para construir castelos no medio do salón, ou mesmo as almofadas das camas, que daban unhas torres para ampararse dos ataques inimigos, e é que hai unha idade na que poucas cousas hai máis divertidas que construir cabanas, castelos ou calquera outra estructura aproveitando o que se teña a man.

Como unha especie de rito polo que todo neno ha de pasar antes de chegar á vida adulta, a poucos coñezo que non se lles dese nalgún momento por construir algún espazo que, cun pouquiño de imaxinación, se convertía nunha casa, ou nun castelo, ou nunha nave espacial ou nunha cova onde o único preciso era deixarse levar por esa mesma imaxinación.

Así, hai un tempo e a través do rss chegoume a noticia dunha empresa que deseñou un producto que leva estes xogos a un novo nivel e, impide, para tranquilidade dos pais, que os sofás, as camas, os edredóns, ou as cadeiras pasen a ser xoguetes.

Un nome nunha caixa, Crazy Forts; dentro, 44 varas e 25 esferas perforadas para conectárense entre si son o límite para a imaxinación dos nenos, e mais dos pais, á hora de crear estructuras que só precisan dunhas sabas vellas para facer as cabanas máis guapas que se teñan visto.

crazy forts exemplos

A mellor parte é aquela na que a casa permanece tan ordeada e limpa como antes e, todo, sen necesidade de baterías, nin cartuchos, nin nada que implique gastos ou enchufes. Só se precisa imaxinación e ter un pouco de xeito.

O problema de tan lindo achádego era que só hai un distribuidor que faga envíos fóra dos Estados Unidos e mais do Canadá, mais apenas ao Reino Unido, pero aí foi cando unha vez máis comprobei a utilidade do twitter, onde ao comentar o achádego imposible apareceu o voluntario que fixo posible unha re-expedición desde Escocia (grazas @xabitubbi).

E malia que demorou un pouco o aviso de correos para ir recoller o paquete, despois dunhas cantas sesións de construccións e xogos non parece que estea tan lonxe que o noso cativo aprenda, ou comprenda, palabras como equilibrio ou simetría, porque segue habendo xogos nos que as leis da física son as que marcan as reglas que se van aceptando coa experiencia, a pesar de que poida parecer o contrario cando mamá tivo que ir ao rescate do que isto escribe cando quedou atorado nun túnel. Con todo, un agasallo moi recomendable :)


8 Responses to “44 sticks and 25 balls”

Leave a Reply