Unha pequena traza para un home, un camiño para a humanidade
5 Outubro 2008
En Pontevedra están a desenrolarse unha serie de obradoiros e conferencias baixo o título de Praza efémera: Cidade e espazos públicos, organizados por Pontevedra Cultura. Alí estivo a falar Juan Freire sobre Redes, espazos públicos e cultura dixital na cidade contemporánea, de como o a rede se vai incorporando a eses espazos físicos para se converter nun novo lugar de encontro e socialización.
De entre os moitos exemplos desta converxencia da rede coa cidade apuntou OpenStreetMap (OSM), proxecto comentado algunha vez nesta casa, onde somos os propios cidadáns os que creamos o mapa. Como tantas outras iniciativas na rede naceu como un espazo de intervención cidadá, neste caso concreto, para dar resposta á imposibilidade de utilizar sen previo pago información xeográfica (rueiros, mapas de estradas ou ubicacións dos códigos postais) da Ordnance Survey, a axencia cartográfica británica. Iso foi en 2004 no Reino Unido; desde entón e extendéndose polo mundo, usuarios de OSM colaboran con moitos outros na creación de mapas.
Alguén dirá que temos o Google Maps, Live Maps ou outro similar para consultarmos mapas gratis, ou My Maps, para crear os nosos mapas e engadirlles información xeolocalizada, ou mesmo o MapMaker, unha ferramenta tamén de google que permite engadir e editar estradas, topónimos, rúas, puntos de interés,… mais só nos países nos que google permite editar os mapas; ver o xerado polos usuarios de MapMaker en Islandia comparado co da mesma Islandia en googlemaps. O problema reside en que o mapa creado cos datos xerados sobre os googlemaps se considera unha obra derivada e adquire, segundo os seus termos de uso, as condicións da licencia orixinal (o mapa sobre o que ubicamos e marcamos calquera cousa) e pasan ser propiedade de Google, imposibilitándonos manipular ou exportar esa información xeográfica que lle facilitamos.
O máis claro exemplo deste mercadillo déunolo Luistxo na entrada na que comentaba a noticia do acordo entre Google e Teleatlas, propiedade de TomTom, no que Teleatlas usará os datos creados polos usuarios de Google e esta levará a cartografía de Teleatlas a google earth e google maps.
De modo que los usuarios pueden colaborar con Google, darle su contenido gratis renunciando a todos sus derechos, de modo que Google se lo pase a Teleatlas y TomTom te cobre 180 euros por la próxima renovación de la cartografía que vaya a necesitar el GPS de tu coche el año que viene.
Mentres tanto, evitando esas restriccións, as estatísticas de OSM seguen medrando e recollen máis de 66.000 usuarios rexistrados, entre os que me inclúo, que levan cartografiado máis de 22 millóns de quilómetros de vías.
Así, hai lugares nos que a cartografía de OSM supera en calidade a calquera outra (moitas zonas de Gran Bretaña, Alemania ou Holanda), sendo tal que levou ao buscador inmobiliario Nestoria a desbotar os de google para a Illa de Wight ou, logo, a incorporalos nunha versión experimental de Nestoria UK e España; un exemplo, Nestoria sobre o mapa de OSM en Ferrol.
Noutros casos e por mor da adopción dunha filosofía similar á da wikipedia, destaca pola obxetividade dos datos representados e mais polas actualizacións periódicas da cartografía. Así, é a fonte máis fiable para coñecer os tramos operativos nas autoestradas galegas ou, coma cando hai uns días unha estrada que pasa tamén por terras galegas, a N-634, se partía pola metade á altura de Eibar, ese tramo non tardaba en desaparecer de OSM tal e como se apuntaba, outra vez e case en directo, desde o Mapamóvil.
Esta inmediatez e a calidade dos datos amosados valoriza frente ás solucións cartográficas comerciais se cabe aínda máis esa intervención que parte dos cidadáns para dar resposta á necesidade dunha liberdade da información e de ubicar os nosos espazos públicos en mapas dos que non se poida apropiar ninguén. Falta moito por facer pero o futuro está aí.
Neste noso cachiño de terra o avance vai de vagar pero firme. Para que vos fagades unha idea, entre esta captura de OpenStreetMap

e estoutra a seguir, do día de onte, van apenas seis meses.

O futuro pinta moi prometedor, o tempo nolo dirá e alá o veremos.
p.s. só apuntar que non contaba botar todas estas letras, pero a charla de Juan, ademais de permitirme coñecelo e escoitalo en persoa serviu de detonante para tentar contar algo máis sobre este atractivo proxecto, tanto que tentarei darlle algún tipo de continuidade comentando outros aspectos; tampouco contaba atopar a ninguén coñecido pero alí estaba Daniel, o humano que está detrás de Comunisfera, acordar en cambiar a páxina do twitter pola barra dun bar despois da charla, todo un pracer.
Outubro 5th, 2008 at 11:36 am
Da pena non estar na minha terra quando ten comezado a crescer asi, tanto.
Abraços Mr.Paco! ;)