Crime nas pozas do Tamuxe

28 Agosto 2008

Hai catro anos escribía nesta páxina o que vai pegado a continuación,

Teremos que ir ben equipados para pasar o día nun paraíso natural que o ten todo, temos sol, temos sombra, temos auga e temos beleza. Non hai sitio para moita xente e habitualmente todo o mundo está espido, os únicos sons son os dun río bravo fluindo por unha fervenza abaixo. Todas e cadansúa vez que alí paramos, séntome nunha pedra do outro lado da poza e ollando a bravura da natureza sempre penso que estou no paraíso.

Aquel día foi a última vez que estivemos nas pozas do rio Tamuxe, ou Carballa, como tamén lle chaman os nativos, ou Vilachán, como lle chaman ao rego que enche o encoro que hai máis arriba; un paraíso da natureza tan lonxe da civilización que apenas chegaba a cobertura das operadoras móbiles portuguesas. Malia os quilómetros a percorrer para chegar aló, eran moitos os días que escapabamos alí nos veráns e, desde aquela, non pasou un verán no que non tentase á mamá de opedro a irmos, malia saber que opedro aínda non é quen de baixar por aquelas costas por entre os eucaliptos, nin de gabear polas pedras, nin tampouco de nadar.

Así, desde que hai dous meses comezou a sair información na prensa da desfeita ecolóxica provocada por Hidrotide, a explotadora do encoro de Vilachán, vou seguindo toda canta información atopo sobre o caso.

a poza do Arco convertida nun lameiro

Mentres, ver algunhas fotos publicadas por Anabam, asociación naturalista do Baixo Miño, foi suficiente para que a alma me caese aos pés.

Agora sei que onde había pozas, auténticas piscinas naturais de pedra do país con profundidades de ata cinco ou seis metros, como a poza do Arco, das máis grandes e de acceso menos difícil, non hai nada máis que area e lama, un lameiro que os da comunidade de montes aínda contaban que o caudal do río recuperase para si, pero non foi así e, dous meses despois, os titulares da prensa son que Oia queda sen as pozas do Tamuxe.

Nós poderemos ir a outro río ou a outro mar a pasar o tempo de ocio, pero nin as troitas, nin os cabaliños do demo, nin as ras nin o resto da fauna coa que compartiamos o día puideron escoller.

Nada se sabe da consellería de medio ambiente nin da súa investigación, nin das medidas que van tomar para recuperar a zona, nada se sabe do que vai facer a empresa que xestiona o encoro; ben, da empresa agardamos pouca cousa, sabemos que se chama Hidrotide e que está constituida como unha agrupación de interés económico (nada máis e nada menos); así, agardarán pagar unha sanción ridícula e que o tempo o cure todo e que ninguén lembre aquel paraiso desaparecido.

E mentres as sancións para estas desfeitas ecolóxicas non sexan exemplares, xa se sabe, o crime seguirá a compensarlle ao criminal, ou é que ninguén lembra xa o do Prestige?


Encoro de Vilachán map

P.S. copio e pego da saúda do Manuel Vázquez, Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Se a conservación do medio ambiente e o entorno natural é un labor de todos, no que atinxe a esta Consellería que dirixo é unha obriga que nos esixe un esforzo constante na súa protección, conservación e rexeneración.

Are you kidding me?

Señor conselleiro, ACORDE, CONA!!!!! e déanos boas novas

Fala sen medo