Incidências em trânsito

12 Agosto 2008

Leo os feeds en áreas de servizo da A6, actualizo o twitter desde unha área de serviço da Trofa na A3, leo o correo nunha área de descanso da AP9, envío unha documentación na cuneta da AC-550 á vista da praia de Caldebarcos,…

desdocoche.jpg

Nos últimos vintepico días vaime pasando a toponimia de Galiza enteira polo parabrisas, desde Celeiro ata Tui en Highway Gothic e mais en Traffic Type Spain e ata Vila do Conde en Transport; paso á beira de desmontes, de viais en obras e de desvios alternativos onde os sinais con tipografía negra sobre fondo branco están en perigo de extinción, e o destino, coma se soubese iso e para que os puidese ver ben, chanta un camión trailer a dar a volta no medio da estrada, á esquerda vaise a Leganitos, á dereita cara o Chao de Perros. Foi uns días antes (que tamén é un lugar nas terras do Xallas), e por mor das verbenas á beira da estrada, que teño que parar onde os sinais de entrada a Gunxín e mais a Quintáns, onde coches suizos invaden as cunetas e as orquestas dan en romperme a cabeza.

Dentro do coche, en todos eses roteiros, acompáñame a mesma música, os decibelios dos pistonazos, o asubío do turbo, os ruidos aerodinámicos, os da propia rodadura,… e por un momento, cando apago o radio-cd por minguar o rebumbio, case son quen de oir á bomba de gasoil bombeando euros aos cilindros. O que non sinto son os seis aparellos que levo falando bluetooth entre eles, aos que, malia ir radiándome, agradézolles o silencio do bluetooth que inunda o carro.

Fóra do coche degusto o menú do día de a 8€ nunha parrillada de Teixeiro, falan no Telexornal dos accidentes de tráfico e botan imaxes de coches desfeitos con sabas brancas a tapar corpos e, malia non ter ningún accidente no último medio millón de quilómetros, véxome a min mesmo no chan rodeado polos do 061 preguntándose como é que o meu corpo está cheo de cocacola.

Na mesa teño o tablet co correo e mais o Mauku abertos, acéndese a luz do tablet e esquezo o Telexornal. Ao voltar ao coche póñolle o tapón á botella de cola, xa case estou na A8.

Algun dixo que... to “Incidências em trânsito”

  1. cossimo Says:

    Si, definitivamente o das verbenas é un coñazo.

Trackbacks/Pingbacks

Fala sen medo