Unha das experiencias máis satisfactorias á hora de comprar un libro quizais sexa a de pasear por entre centos de estanterías ateigadas de libros con ese seu arrecendo particular na procura do obxeto do desexo. Pero, de calquera xeito, pode que non teñamos tempo, ou que o libro que buscamos non estea nas librerías máis próximas, ou que prefiramos compralo desde a comodidade do navegador e acudamos a calquera das librerías online.

Nese tránsito entre a experiencia de compra nunha librería real rodeado de libros á compra a través da web vendo apenas listados enormes de títulos de libros cunha pequena imaxe da súa capa pérdense unha chea de sensacións, que son as que se tentan recuperar en Zoomii, unha librería online visual na que, ao xeito de google maps, cunha interfaz de visualización sorprendentemente cómoda, podemos navegar polas súas estanterías facendo zoom e movéndonos por elas coma se dunha librería real se tratase, coa diferencia de que en lugar de ver os lombos dos libros o que vemos é a súa capa, que amosa segundo o seu tamaño real a escala en comparación aos libros do redor, e estamos a un só clic de acceder á súa imaxe a alta resolución así como ao sumario e ás reviews do libro.

captura de Zoomii

Disque se pode navegar por entre 21.000 libros do catálogo de Amazon malia tamén poder facer búsquedas entre 173.000 títulos, pero o máis destacable desta iniciativa, que vén de nacer hai uns días, é que é o traballo dun só home, Chris Thiessen, que se aderiu a Amazon no seu programa de afiliados para vender libros levando unha comisión e, tirando do seu catálogo, botar man dos servizos web da mesma Amazon, o Elastic Compute Cloud (EC2) e o Simple Storage Service (S3) que, por exemplo, tamén utiliza Chuza para aliviar de traballo ao seu servidor. E é que de non ser por estes servizos de Amazon, como el mesmo apunta no blog dos Amazon Web Services, o proxecto sería demasiado caro e desalentador para levalo adiante; así que con esa base e un pouco de Java en servidores Linux e Javascript no navegador, o resultado non podería ser máis espectacular.

Fala sen medo