Cráteres en Marte e lixo no espazo
13 Xuño 2008
Nunha das visitas á pediatra nestes días de calor e mais de Ventolin ía opedro laretando historias de monstros e alieníxenas cando, de súpeto, parou co lercheo que viña contando para preguntar:
-Papi, verdad que en el planeta Marte hay muchos catres?
O certo é que ás primeiras non sabía do que me falaba, pero ao repetilo debuxando círculos no aire souben, facendo por que non me vise rir, que falaba de cráteres e non de catres.
E é que se algún día damos saido deste planeta para chegar ao planeta bermello teremos onde deitármonos. E digo se damos saido, pois á vista dos satélites e mais do lixo que orbita ao redor do noso planeta semella que a cousa vai ser difícil.
Foi na Cartoteca que din con esta imaxe, facilitada pola Axencia Espacial Europea (ESA), que preparou uns gráficos que amosan a cantidade de chatarra espacial que orbita por riba das nosas casas. Desde o Sputnik foron uns 6.000 satélites os que sairon ao espazo, dos que aínda andan operativos uns 800 acompañados polo lixo que fomos deixando aló.
Aconséllase ampliar as imaxes, como a que acompaña este post e amosa os obxetos que andan en órbita baixa vistos por riba do Polo Norte, para ver o que ronda o noso planeta. Sorprendente.

Fala sen medo