En casa fomos usuarios activos da ratiña Lola durante un tempo pero case a tiñamos esquecida ata que vin publicado en Chuza que a ratiña Lola morrera. Ao saber da súa morte tiña sentido o que dun tempo para acó notara nesta casa, que google traía unha chea de visitas ata aquí na procura dela.

Accesible durante moito tempo a través do dominio cativadas.com é unha aplicación en flash creada desde a Xunta polas consellerías de familia e deporte e mais a de innovación e industria que se podía reproducir desde calquera navegador e que ofrecía unha achega aos cativos ás novas tecnoloxías, ben nas aulas ou na casa a través do ordenador, na que ratiña Lola vai guiando aos nenos a través de diferentes actividades, todas moi sinxelas, nas que as imaxes e mais os sons levan da man aos cativos a realizar as diferentes e atractivas actividades.
Pero parece que o desleixo dos responsables da ratiña Lola fixo que o seu dominio caducase e que alguén máis espilido ca eles rexistrase e okupase o dominio para agardar, supoño, por un rescate; así que polo de agora, calquera que se dirixa ao dominio comentado só dará cunha páxina chea de publicidade e mais spam.
Para tentar resolvelo, ancho de banda mediante, veño de subir ao meu servidor tanto a aplicación flash para vela a través do navegador, aínda que desactivando a opción para os mestres, que se pode visitar en cativadas.opaco.org, así como a aplicación completa que distribuía a Xunta de balde, que puxen nun arquivo zip e que se pode baixar desde acó, cativadas.zip, ben para grabar nun cd ou instalala nun pc con windows.
Malia todo, agardo que os responsables da criatura, arranxen a desfeita e os cativos poidan ir visitar á ratiña Lola na súa casa de sempre, que aquí só está de paso.
así se fai! moitas gzs!
Como din en chuza!, patriota galego.
já temos os pequenos estribilhando no computador…
Graciñas de parte de Leo.
Moitísimas grazas.Non sabes a de veces que me preguntaron os meus fillos.
Moitísimas grazas por devolver a Ratiña Lola aos máis cativos e ás avoas que xogamos con eles.