Cocorosie en Pontevedra
26 Maio 2008
Tres traballos publicados, dúas mulleres e un mesmo apelido, e onte era a primeira vez que as viamos en directo a Cocorosie; nas súas dúas últimas visitas o noso cativo fora a excusa que nos impedira ir velas e, desta vez, nada o ía impedir.
Chegados ao Pazo da Cultura, o primeiro foi topar co L, involucrado na organización e sorprendido con que venderan as máis de 700 entradas; o seu comentario irónico foi o de isto é Pontevedra, e moi desencamiñado non ía, pois hoxe non fun quen de atopar ningunha liña nas follas parroquiais locais facendo referencia ao evento.

Sentados case ao pé do escenario e baixo o espectro visible daquela luz ultravioleta que apenas deixaba adiviñar os aparellos que había nel, non tardou nadiña en aparecer Rio en Medio, que xa me gañara á súa causa co pouco que tiña escoitado dela nesta semana pasada, pero que en directo non acabou por convencerme a pesares dos seus prometedores e recomendables Tiger’s ear e Let’s groove.
Logo apuntouse á festa o Quinn Walker, do que non sabía absolutamente nada, pero que coa súa voz enorme, a súa guitarra e mais os aparellos que arrastrou ao escenario deixou un moi bo regusto nos meus oidos que confirmaría máis tarde cando acompañou, tamén con Rio en Medio, ás irmás Casady no escenario.
E despois dun descansiño xusto para engadirlle uns aditivos ao tabaco que nos mantivesen naquel estado de gloria entraron a Bianca (Coco) e mais a Sierra (Rosie) a comezar co que remataría nun concerto impresionante no que foron quen de levarnos ao seu mundo, no que din que God has a voice, and she speaks throgh me. Unha experiencia a lembrar, onde o directo deixa as súas grabacións a anos luz, con sons oníricos e perversos, ruidos de xoguete e voces próximas á perfección; e acompañadas por un baterista, espera, que non tiñan batería nin caixa de ritmos nin nada parecido, senon que era TEZ, un crack que, cando o deixaron só deu unha auténtica exhibición de beatboxing, cuns ritmos e uns sons que parecía increible que puidesen sair polo seus fociños e cos que conseguiu meter aos espectadores no peto.
Despois dun par de bises, unha hora e media de concerto quedara atrás e marchabamos para a nosa casa coa sensación de presenciar algo único, encantadísimos e felices de termos comprado os billetes para a fila 4 cando Bianca pediu que nos puxesemos en pe para acompañalas no fin de festa.
Actualización: a información do Diario de Pontevedra na súa edición en papel, Como dos gatas maullando en plan Billie Holiday.
Maio 27th, 2008 at 7:30 pm
grrrrrrrrrrrr eu, nesta ocasión, non fun pola “retoña”, dame rabia, mira que me gustan estas irmás.
outra vez será, pero inda por riba posme os dentes largos e verde de envexa.
Maio 27th, 2008 at 9:20 pm
agora tócanos a nós :D …ía actualizar outro pouco, pero vouno facer aquí polo de poñer os dentes a rillar no chan :P
xa hai resultados de cocorosie+pontevedra no youtube :)