Se é que algunha vez fun de xogar con máquinas, só o fun cos xogos de coches e cos de estratexia, así que cada vez que opedro me di de sacar do armario a NES, da que non fun utilizador no seu momento (despois da caída do emporio Atari), penso nos seus sofridos utilizadores.
Despois de coller un mando da Wii, viaxar ao pasado máis de vinte anos atrás, fai que o presente pareza bastante máis sinxelo. Daquela, a ergonomía aínda non chegara aos mandos das consolas e os xogadores tiñan que suxeitar aqueles ladrilliños durante horas porque outro dos avances dos videoxogos tampouco chegara e para acabar unha partida non quedaba outra que xogar moito, xa que o de gardar partida aínda demoraría un pouco en aparecer. Moi poucos xogos permitían o de gardar partida, o que significaba que se quedabas sen vidas no segundo chimpo da terceira fase do segundo mundo do Super Mario Bros só podías seguir intentándoo, sabendo que ao outro día terías que comezar desde a primeira fase e así, tiña amigos que adquirían poderes estraños e fachendeaban de pasar as primeiras fases dun destes xogos cos ollos pechados de tantas veces que o fixeran. Son eses mesmos os que xa nunca din que un xogo dos actuais é difícil. Difícil era o pasado.
E para dar este chimpo ao pasado, opedro axúdame a desenrredar os cables e a montar o aparello, senta á miña beira e confórmase con ver como o seu pai vai fracasando no de rescatar á princesa e me van matando fase tras fase, mundo tras mundo. Sentadiño á miña beira arregala ben os ollos diante do mundo dos 8bits e goza como un macaquiño rindo co Mario a caer por un precipicio ou derrotando monstros.
![]()
Así, non me estraña que á hora de organizar xogos nos que el é un cazador e eu son un tigre, ou nos que cabalgamos polo corredor con cabalos imaxinarios, ou nos que somos coches de carreiras, vénse de engadir un novo xogo que me conta así,
Tu eres Luigi e eu son Mario e vamos correndo para darlle patadóns a las tortugas y comemos estrelas y setas para crecer muchíiiiiisimo.
O que non damos atopado no mercado son as setas esas de 8 bits.
P.S. Se alguén por nostalxia, por idade ou ben por curiosidade queira botarlle un ollo ao que era aquel mundo de xogos da NES, ten en VirtualNES a súa páxina para xogar desde o navegador.
jolines, que post tan bonito…