N800: primeiras respostas

Só hai que preguntar ao google para saber de toda a xente que xa ten falado do aparello novo que temos en casa, pero logo duns días de fedellar non podía deixar de comentar as primeiras impresións.

Ao primeiro de o coller nas mans, o N800 dá a impresión de ser ben forte e moi ben rematado, cun elegante frontal metálico e un tamaño non tan pequeno coma un móvil, pero pequeno abondo para metelo nun peto da chaqueta. E nada máis prendelo, o que máis chamou a atención foi a resolución e a nitidez da pantalla (800×480), lonxe das que dan outros aparellos de tamaño parecido, que se ben con toda a calidade que ofrece, non parece deseñada para ser utilizada en exteriores, xa que é pouco amigo da luz solar directa.

Nas mans, a súa pantalla táctil lévase bastante mellor co lapis que cos dedos, de xeito que se fai practicamente imposible utilizalo cunha soa man, como se fai cun móvil ou algún PDA. Con todo, co teclado a pantalla completa para utilizar cos dedos e mais un texto predictivo que aprende logo, a velocidade para escribir é maior que, por exemplo, nun Treo, aínda que este se poida utilizar mentres se camiña e para o n800 a postura máis cómoda sexa a de sentado suxeitándoo coas dúas mans, a esquerda para os botóns hardware e a dereita para o lapis e, en caso de desplazarse en carro ou en bus, que sexa sen tremellique ningún, pois sería moi difícil acertar coa tecla desexada.

Nokia N800

Unha vez en marcha, só respostar unhas preguntas para configuralo e xa estamos conectados a internet se é que estamos ao abeiro dalgunha rede wifi ou temos un móvil co que conectar via bluetooth. Polo que respecta á sensibilidade para captar redes wifi, sorprendeume pola súa capacidade de chegar a recibir sinais de redes que non son quen ver desde outras máquinas. E é que este aparello naceu para estar conectado a internet, así que os máis dos programas ao noso dispor aproveitan a conectividade que ofrece, desde os navegadores (Opera ou Microb), programas de correo electrónico, reproductores multimedia, clientes de mensaxería ou de VoIP, ou mesmo o Mauku, un cliente para o Jaiku ou o Vagalume, un cliente para last.fm, paradigmas estes dous últimos das posibilidades dun aparello deste tipo cuns programas que apenas pesan uns kilobytes.

Das preguntas que máis se me repetiron estes días sobre as posibilidades do aparello din respostas do tipo de… A batería dúrame unha media de 3-4 horas tirando de conexión wifi e tendo abertos tres ou catro ventanas do navegador á vez e en standby disque dura días e días ou, non, non ten unha axenda fiable que se poida sincronizar co outlook ou, non, non se poden ver os do office, pero se poden ler PDFs ou e-books, ou, si, pódese ver calquera páxina web que vexas no teu ordenador só que limitada ao tamaño da pantalla e si, pódese ver o Google Mail, Calendar, Maps, Reader, o Hotmail, o Bloglines, o Chuza, co seu fedello, sendo totalmente operativas, malia que moitas destas páxinas fanse un pouco grandes de máis e ralentizan ao aparello mentres cargan o seu contido. Os videos de Youtube tamén se poden ver con maior ou menor fluidez desde o navegador, pero a posibilidade de baixar os videos á propia máquina a través de software coma o Uktube ou ben cun script para greasemonkey desde o Microb fan que esa carencia deixe de ser tan importante.

No que respecta o navegador sorprendeume a capacidade para ter varias ventanas do navegador abertas de xeito simultáneo e manexalas con fluidez, ao contrario que en moitos outros aparellos onde só é posible ter unha aberta, ou varias, pero con moitas limitacións.

Espazo aparte merece a cantidade de software que hai na rede, moitas sorpresas, como Maemo Mapper, co que pasei horas e horas e, desde o momento que o Google Earth non se pode levar no peto, unha aplicación única para os que adoremos os mapas, a cartografía e calquera cousa que se poida facer cun GPS, ou o moito software dispoñible no aspecto multimedia, aínda con camiño por percorrer para chegar a unha boa usabilidade, pero que presta como máquina multimedia, tanto para reproducción de audio, video ou mesmo da radio FM.

En definitiva, polo que me custou este aparello (a través de ebay, menos da metade do prezo que tiña en Europa ata hai un mes) non hai nada parecido. Supoño que nuns anos será algo do cotío, pero hoxe o feito de poder ter nas mans a golpe de tap a mesma internet á que se ten acceso diante dunha máquina maior, sexa portátil ou de sobremesa, é sorprendente; é ter a wikipedia cando precisas consultar algo, o youtube, para amosar ese video, o unha foto en flickr que lle tes comentado ao compañeiro analóxico, o ebay nos últimos minutos das poxas, o meteogalicia cos seus mapas enteiriños, o DRAE, o Leo, ou o Estraviz,… a sensación é a de estar dando os primeiros pasos cara a ubicuidade móvil, e quizais de ver por onde vai o camiño cara a realidade aumentada.

Pregunten se teñen curiosidade …e non, non é un teléfono.

9 thoughts on “N800: primeiras respostas

  1. eu tamén estou muito contento co ladrillo (o de ladrillo é porque paco e maís eu chegamos a pensar cos vendedores mandarían un ladrillo en vez do n800, houbo ahi dous días de crise, ja, ja, ja).

    pasade por aquí:
    http://www.mediateletipos.net/archives/7013
    (ahiiii, que ben o pasan no CCCB)

    por certo paco, podes instalar o doc reader para ver os .doc do office, que non vai mal.

    pois ala, a rascala por ahi
    chiu

  2. Non comprendo moi ben por que os internet tablets renuncian á posibilidade de ter 3G. É por cuestións de peso, batería, reducir complexidade ou que?

  3. Renunciar ao 3G non renuncian, poderían caparlle o bluetooth, como lle pasa ao iphone ou a mesma nokia fai cos seus teléfonos, e non o fan. 3G tamén é voz e, para ter voz, tería que estar sempre online. Ou máis batería/peso ou menos autonomía, e coas súas dimensións é un aparello equilibrado, e parece que van polo bo camiño.

    Quizais xa estean traballando no N900…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *