Moitos dos que me coñecen saben do meu interés por todo o que teña rodas e, nomeadamente, polos carros, que vai moito máis aló da súa función principal, a de levarnos dun lugar a outro. Así que, ao contrario doutros, o proceso de compra de calquera cousa relacionada co automóvil fai que o meu corpo produza endorfinas.

Así, os tempos en que os modelos que había no mercado podían contarse cos dedos das mans quedaron atrás, co que, agora, xa só a decisión de cal vai ser o máis axeitado ás nosas necesidades ou intereses poida levantarlle dor de cabeza a máis de un, así que, esquecendo ese, ao meu parecer, sinxelo pero longo proceso de decisión do modelo que imos conducir nun futuro e en base á miña experiencia, hai unha serie de consellos que sempre dou a quen mos pide á hora de rematar o proceso da compra.

O primeiro deles sería ter ben claro o coche que queremos e equipalo coas opcións que necesitemos, desde o motor que desexamos ata a cor da tapicería, ou os anos de garantía que nos poidan ofrecer, lembrando que o coche ten que sair do concesionario con lámpadas de reposto, triángulos sinalizadores e chaleco reflectante, e que as alfombras veñen cos coches, cousas todas estas que debes ter no coche no momento que saes a estrada desde o concesionario onde fose que o comprases.

Ata que chegue ese momento no que saímos conducindo o noso coche do trinque, eu recomendaría antes ir a todos e cada un dos concesionarios que poidas dese fabricante e, de poder ser, mellor en varias provincias. Nunca se sabe onde é que nos van dar o mellor prezo para o mesmo modelo, ou que concesionario ou que comercial está máis apurado para cumprir os seus obxetivos de ventas.

Ante todo lembrar que o comercial que cho vai vender non é amigo teu, polo tanto, non crer ningunha das cousas que diga e apenas as que che dea por escrito, sobre todo nos descontos que di que che fai por ser ti quen es, ou nos agasallos que che poida facer, coma no caso de que intente vender o coche que teña na súa exposición, xa que tes que comprar o coche que ti queiras, e non o coche que a eles lles poida interesar por rotar o seu stock, anque no caso de que poida resultar interesante o que teñen, pedir un bo desconto por el, por ver como é que están de desesperados por desfacerse del.

A experiencia dime que cada vez é máis frecuente que os comerciais non coñezan, se sequera as coñecen, máis que as características que están no folleto comercial do producto que están a vender, así que para iso e para máis, en pleno século XXI, xa temos a google ou calquera foro ou páxina especializada no mundo do motor. Infórmate ti, que eles son parte interesada só nunha cousa, en vender o que sexa.

Cos presupostos á vista decidirse polos máis económicos e comezar a negociar, xa que en moitos casos moitos do concesionarios están dispostos a baixar os pantalóns por aumentar as súas cifras de negocio o cumprir os obxetivos, lembrando que o presuposto debería estar desglosado con cada un dos conceptos que van incluidos nese prezo final, desde o prezo do vehículo ata cada un dos extras e impostos que vas pagar.

Un dos conceptos que nunca adoitan desglosar é o referido á matriculación do coche, xa que é habitual subcontratalo cunha xestoría que apenas se ocupa de pagar o imposto de matriculación na delegación de Facenda máis próxima, pagar o imposto municipal de tracción mecánica, ao que aínda e non sei porque seguen a chamar viñeta, e presentar a documentación e pagar a tasa de matriculación na delegación de Tráfico.
Por estes trámites o concesionario pode cargar no presuposto un importe que vai desde os 250€ ata os 900€, cartos que se poden aforrar se o fai un mesmo previa entrega da documentación do coche por parte do concesionario, para o que poden esixir o previo pago do coche.

Todos estes datos déixoos aquí baseándome en experiencias propias, que será a terceira operación deste tipo feita este ano e que finalizará mañá cando na delegación de Tráfico me entreguen a documentación do coche, que deixei hoxe alí, co número das placas co que vai sair do concesionario.

servizo renault

Así e como exemplo, partindo do Renault Scénic do trinque do que falo, desde que comezou esta aventura de pedir prezos a diferentes vendedores e valorar o vehículo a entregar ata facer a última visita ao concesionario para confirmar o pedido hai tres meses, pasouse desde a, segundo eles, inmellorable oferta que facía un concesionario na provincia da Coruña de 31.500€ ata a de 27.400€ feita nun concesionario de Pontevedra logo de descontar os 500€ que cobraban polo trámite de matricular o coche a través da súa xestoría, trámite que se liquidou con 47,20€ no concello pola viñeta máis os 69,40€ polas tasas de matriculación na delegación de Tráfico.

E non, o coche non é para nós.

Foron 2 que dixeron... to “Carro novo: decisões sem marcha atrás”

  1. ghanito Says:

    O proceso de decisión sobre o coche é pior cando ademais de non ter claro o que queres, non és o único que decide e o coparticipe na decisión é pouco constructivo.

    Da matriculación non falei para non alongar o proceso, pero non o matricula o concesionario. Tampouco o matricularei eu porque non teño tempo, pagareille a un coñecido dunha xestoría. O meu aforro vai ser ó redor de 140€ (porque non eran tan careiro no concesionario e pago 60€ polo servizo)

  2. peke Says:

    Pois eu aforro por completo a matriculación. Vantaxes? de ser minusválida. (Algunha había que ter).

Trackbacks/Pingbacks

Fala sen medo