Yahoo vén de presentar sobre Yahoo maps un novo servizo chamado Yahoo Map Mixer que permite aos usuarios subir e compartir os seus propios mapas ou planos coma se fosen unha capa máis da aplicación na que poderemos modificar o nivel de opacidade para conseguir o efecto desexado de amosar detalles adicionais nunha zona determinada.
Tocaba probar o servizo, para o que fixen probas con diferentes mapas, entre elas, unha partindo dun mapa coas isoglosas das áreas linguísticas do galego por ver como quedaba sobre os de Yahoo. O mapa orixinal é este,

Logo, unha vez dentro do Yahoo Map Mixer, co noso nome de usuario de Yahoo, súbese o mapa, para, despois, elexir uns puntos de control co fin de ubicar e adaptar o noso mapa aos do servidor, e mais establecer a transparencia coa que se verá. E o resultado de superpoñer o mapa anterior nos de Yahoo é este, que tamén se pode incrustar nas páxinas web, á vez que podemos movelo ou modificar a opacidade da capa engadida.
As maiores diferencias que atopei veñen dadas pola proxección utilizada á hora de facer o mapa, ou, no caso dos mapas históricos, nas deficiencias técnicas á hora de cartografiar o terreno.
Algún exemplo máis co que andei a xogar pódese ver nos mapas que fun subindo mentres xogaba coa aplicación. Un mapa histórico roubado a Calidonia, un plano cos parkings públicos de Vigo, outro cos trazos fonéticos diferenciadores do galego-portugués e outro mais dos territorios de lingua galega. Agora a probar máis, aínda que hai que lembrar que os mapas unha vez subidos non se poden editar. Unha mágoa.
Cada vez que fas algo con mapas a min ocórreseme algunha cousa. Pensaba agora mesmo en como distorsionar eses mapas antigos cun programa de morphing, empregando determinados puntos como áncoras da transformación, e para ver coa transición onde quedarían na actualidade determinados elementos dos mapas antigos como castelos e vilas.
Ánimo… agardamos logo noticias súas? ;)