Arnaoutchot

24 Agosto 2007

Ao tempo que tento voltar á normalidade dixital, despois desta cura de inforxicación na que o único acceso ao mundo exterior foron as noticias que chegaban de RNE e da Cadena Ser a través da OM e dun par de xornais; á vista de case 6.000 posts que o bloglines me di que teño a espera de lectura, só podo pensar que foi bonito mentres durou.

Dos días que botamos aló, ningunha queixa, nin polo tempo, só un par de detalles, que a conexión a internet, ademáis de ser cara (8€/1h. ou 15€ para dúas horas), a súa cobertura chegaba só uns metros fóra da recepción, así que o portátil só estivo no bungalow reproducindo capítulos de Weeds e a Dumbo… e que para ter sabas de algodón custounos un bo traballiño, xa que cando as fomos reclamar non había ninguén na recepción que entendese o de cotton sheets nin o de Bettlaken aus Baumwolle, nin moito menos, sábanas de algodón, para, ao fin, ter que alugalas, ao prezo de 10€ a semana para durmir sobre algo mellor que unhas sabas de papel para desbotar.

Malia iso, foi que tanto nos prestou, alí, no centro da nada e a uns 12km da civilización máis próxima, que a única visita que tiñamos prevista, ás, disque, dunas máis altas de Europa, as dunas do Pyla, para logo ir tomarlle algo, quedou para outra ocasión.

Deixando o par de detalles comentados, o camping non podemos menos que recomendalo, xa que desde a equipación do bungalow ata a limpeza dos milleiros de metros cadrados que ocupa, pasando pola organización de actividades, só en francés e neerlandés, ou das súas piscinas, parques de xogos, locais de restauración (caros, iso si), supermercado ben fornecido, tranquilidade e mais unha marabillosa praia chea de ondas dun bravo océano e, para quen o precise, sen cobertura de ningún operador móbil…

O que si nos chamou a atención foi a obrigatoriedade do nudismo na piscina e o celo do vixiante no cumprimento do seu traballo for quen for o da toalla á cintura ou a do tanga ridículo, así como a discrecionalidade no resto das instalacións, recepción, restaurantes e supermercado incluidos, lugares nos que noutros campings si que hai que acceder vestidos. Con todo, desde a praia ás piscinas, o ambiente é moi familiar, non sei se será no mesmo sentido que lle dan os de haztelomirar, e estivemos rodeados de parellas co seu bebé e mais a avóa, familias clásicas cunha maior ou menor recua de fillos, grupos de amigos, ou o noso viciño venezolano que todas as noites saía fóra co telemóvel para contarlle a alguén que fora pasar uns días a unha casiña que alugaran uns amigos do seu mozo e que o luns regresaba a París, e mais de xente nova xogando por todas partes, aos que pola tardiña se unía opedro, que xa soubo o que é ter problema de comunicación, malia que ao final os picariños descobren que para andar as carreiras calquera xesto chega.

apanpanado co dumbo

E cando opedro xa andaba co bonjour e co au revoir no bico, mamá xa lera o cargamento de libros que levaba e eu a piques de apuntarme a unha pachanga de rugby praia, foi hora de voltar e, de súpeto, o bloglines xa marcaba 0 posts por ler.

Foron 5 que dixeron... to “Arnaoutchot”

  1. cossimo Says:

    Pachanga de rugby praia??? Con mêlée e placaxes e todo iso??? Hai que estar fisica e mentalmente moi…..preparado, non si? :)

    P.D.: Penso que o home de Charlotte Rampling desapareceu por esa zona:
    http://www.francois-ozon.com/francais/bande-annonce/sous-le-sable.html

  2. peke Says:

    Benvidos!!! Que axiña pasou o tempo de lecer, ou.

  3. opaco Says:

    mr cossimo, nas pachangas de rugby praia debían ter outras normas, chegaba co contacto… non facían placaxes, pero me quedei sen sabelo por non saber francés, non saber xogar ao rugby e por andar a xogar c’opedro.

    e a paisaxe do trailer é idéntica, quilómetros e quilómetros con esa paisaxe de praias e piñeiros cortados, ás veces, por dunas, lagos, ou ríos. obrigadinho pola info.

    e si, o tempo vóanos, como a moitos, non?

  4. W. Sobchak Says:

    Ola!
    eu estiven en Arnaoutchot hai 4 anos e pareceume un paraiso. Eso si que foi unha autentica desconexion!
    O teu post trouxome boas lembranzas
    un saúdo

  5. opaco Says:

    ë un paraiso, dude :D

Trackbacks/Pingbacks

Fala sen medo