Harmonía

11 Xullo 2007

Non lembro como era aquilo, cando neno, de andar espido todo o día ignorando ao resto do mundo sen deixar de xogar e de rir. De seguro que ninguén, ou moi poucos, o lembran, pero terán visto a nenos facéndoo sen que a ninguén lle importe nin, moito menos, que alguén lles diga que se teñen que vestir.

Polo que me contan, o primeiro que facía ao chegar á praia era quitar toda a roupa quedando tal e coma nacera, e así foi ata que chegou a pubertade, cando me unín ao grupo consumidor da moda primavera-verano do corteinglés. Naquela mesma praia lembro que non todo era bañador, sempre había quen nas rochas ou na praia que hai ao carón, ou por mor das mareas vivas na preamar, viña para o areal a gozar do sol e mais do mar en bolas.

Praia dos Muíños de Fortiñón

E así foi como se compartía o mesmo areal entre os que estabamos na banda dos textiles e os da banda dos nudistas sen que lembre ningún enfrontamento polo feito estar nu ou vestido. Cambiei de praias e, co tempo, aquel tabú foi desaparecendo da miña cabeza. Anos máis tarde volvía á praia da miña nenez, aínda que xa sempre me poría na banda dos espidos.

Todo isto vén a conto de que onte, esa praia, era mencionada na prensa escrita como exemplo do que debesen ser as praias, un exemplo de convivencia entre nudistas e textiles, na que ninguén impón nada a ninguén e cadaquén vai como lle peta.

Por certo, este próximo domingo, convocados polo Club Català de Naturisme é a data escollida para reivindicar a tolerancia social cara ao espido en todas as praias, promovendo, así, a convivencia entre as diferentes opcións de tomar o sol e a definitiva normalización do espido en todas as praias.

roupa fóra

Participar no día sen bañadores é tan fácil como acudir o domingo 15 de xullo sen bañador a unha praia na normalmente non se practica nudismo e exercer a túa liberdade de tomar o sol espido, que este día se poida practicar o nudismo no máximo número de praias nun ambiente de tolerancia e respecto, para que o nudismo sexa unha opción máis, tal coma o é o bañador, o biquini, o topless ou o tanga.

Agardamos que o tempo acompañe.

Foron 8 que dixeron... to “Harmonía”

  1. peke Says:

    Parece que por fin chegou o verán, eh! :)

  2. cossimo Says:

    uno de los arenales más salvajes????? Ah si!! Selvaxe feismo pangalaico en estado puro, selvaxe vulneración da lei de costas, selvaxe degradación medioambiental, selvaxe invasión automóbil, selvaxes corredoiras entre muros upper-middle class, selvaxe e incívico egotismo,…
    Definitivamente, o que escribiu iso non pode ser daquí; do contrario sabería que a ría de Vigo está chea de rincóns selvaxes.

    P.D.: Desculpe este desabafo misántropo pero ás veces dame por pensar que o elemento máis invasivo e artificial que hai arredor de calquera praia non é o bañador senón o bañista. Un saúdo.

  3. besbe Says:

    Acordeime de ti, que estou vendo agora en Cuatro o programa este do Boris e a Ana García Siñeriz, ao Alejandro Campoy de Hazte Oír co presidente do Club Català de Naturisme…un falando de praias familiares (e mira que rin cando lle preguntaron que definise de que clase de familia falaban, se podían ir unha parella de homosexuais cos seus nenos…) e o outro defendendo o dereito de ir espidos. Xa te podes imaxinar, é triste o de Hazte Oír, xa de paso e a min sígueme dando un pouco de vergoña…cando dea o paso xa contarei :)

    Saúdos e que o tempo acompañe.

  4. opaco Says:

    o de hazteoir imaxínoo besbe… e tamén che vexo dar o paso. agardo a lectura ;)
    cossimo, o que escribiu iso debe ser de marina d’or e, sobre os salvaxes, dubido sequera que saian das súas piscinas para baixar á praia… con todo, o areal é un exemplo de convivencia :)
    e non, o tempo parece que non vai acompañar. onde están agora os de nunca mais do cambio climático? :(

  5. cossimo Says:

    e non, o tempo parece que non vai acompañar. onde están agora os de nunca mais do cambio climático? :(

    O que hai que ver, os nudistas de maos dadas cos neocons!!! :)
    En todo caso, espero que teña razón e que eses veráns saharianos dos últimos anos sexan só un mal recordo.

  6. opaco Says:

    Entre os nudistas hai de todo, incluso moito fundamentalista, sobre todo cos textiles :D

    E eu case que quedo cos veráns saharianos e non coa chuva ;)

  7. cossimo Says:

    “E eu case que quedo cos veráns saharianos e non coa chuva ;) ”
    Mira que hai xente rara!!!

    Sexa un chisco solidario, home, que os/as que padecemos estes corpos inexhibibles pasámolo moi mal no verán. Porque por moito que vostedes digan, hai corpos que non se poden amosar. Negalo é como negar a existencia mesma da sociedade. :)

  8. pedro Says:

    muito bom

Trackbacks/Pingbacks

Fala sen medo