Baixo os eucaliptos

Destes días de descanso na Illa quedan atrás os largos pateos ata a praia, o esperar polo primeiro barco que trae o pan do continente, a tranquilidade dos poucos que quedamos despois de marchar o último barco, a ausencia de ruidos, a abundancia de estrelas na noite, as contadas horas de luz eléctrica, os pequenos almorzos de café e mais polbo e as clavadas que segue a meter a vella da tenda: un litro de leite, dúas mazás e un libriño, todo a 1€ a unidade.

Pero non foi ata o regreso a terra que nos decatamos da tranquilidade extraordinaria que gozaramos, xa que ao desembarcar no peirao foron unha chea de cartazes sorrintes os aparecían por todas partes amosando o mellor da súa dentamia para pediren o noso voto, e por se non chegase con ocupar farolas, valados, obras en construcción, locais abandoados, cruzamos con dúas furgonetas que a través dos altofalantes ían pedindo o voto para os parecidos candidatos sorrintes que levaban pegados nos seus laterais.

E é que non creo que estea entre as prioridades dos habitantes da illa, pero entre as vantaxes do atraso, a maior é que por non haber, nin hai mitins, nin papeis pisados polo chan coas facianas dos candidatos, nin hinos barateiros soando nos enormes altofalantes das furgonetas de candidatos sorrintes a pedir o voto como quen anuncia a sesión do circo ou o partido de futbol do equipo local.

O que si chega é a cobertura gsm, e porén a gprs, e así soubemos aló do grande sucesso do Projecto Mourente na salanasa no seu primeiro concerto ao vivo, e foi así que baixo os eucalitos, camiño da praia, opedro agasallounos coas súas músicas, que non fun quen de rexistrar ata que, con cámara en man, o pillei nun renuncio mentres andaba a xogar no foxo que fixeramos.

Entre os sons das ondas e mais o vento, queda claro cal é a favorita de opedro de todas elas pois ben se ve que no coche, camiño da gardería, agardo o día que se esqueza de dicir:

papá! a dos caranguexos

Mentres canta, penso que quizais opedro vexa algo parecido.

8 Comments

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *