Convidados a ouvir

O lugar era novo para nós. O motivo da visita, un concerto como o que xa perderamos.

O ambiente era totalmente diferente aos últimos concertos nos que teño estado… neste, bebés de poucos días, mamás grávidas, cachorriños a agatiñar, pequenos bulebules, con cueiros, no colo, sentados, a durmir, espertos e cos ollos ben abertos eran todos protagonistas baixo unha luz moi acolledora.
O límite o marcaban nos cinco anos, o resto eramos nós, os acompañantes, os pais, irmáns, abós, amigos…

Dentro, música e cancións, nas que os instrumentos pasan por entre os nenos, que bailan, baten palmas, agatiñan polo escenario, ou tamén choran, e é que todo está permitido a non ser fotos, videos e telemóveis.

concerto para bebés

Ao redor de corenta e cinco minutos que pasan voando cheos de curiosidade e experimentación, nos que os nenos son convidados a participar do concerto. Para lembrar, as risadas de opedro ao meter a man no saxofón, como os nenos da foto roubada do sitio dos organizadores desta grande experiencia desde Leiria para o mundo, cos seus concertos para bebés.

Seica este ciclo foi só de tres días, o segundo feito aquí, pero se alguén ten moita curiosidade aínda están acolá.

2 Comments

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *