Entre estes días de choio inusitado fago exercicio cos pés sobre os tres pedais do carro, autoestrada arriba e abaixo, sen apenas tempo para sentarme noutro lugar que non sexa o cockpit. Son días de aniversarios, que si o do Cervantes, que si o dos cravos do 25 de abril, pero se houbo un especial foi o que se deu o luns, data na que se cumpliron 25 anos da saída ao mercado do ZX Spectrum, a primeira máquina á que lle puxen a man enriba.
Todo comezou aí, cando algún tempo máis tarde chegaba á nosa casa a versión de 16K de RAM que se ampliaría pouco despois a través do seu bus de expansión, e cun cartucho, aos 48K.

Co seu sistema operativo BASIC e as revistas de microhobby, o primeiro foi darlle ao seu teclado de goma, logo viría o lector de cassetes, onde despois de darlle ao LOAD»" o maior temor entre os ruidiños a 1.200 baudios era que chegase o TAPE LOADING ERROR. Eran minutos de suspense à espera de que non houbese erros ao ler a cassete do noso xogo favorito, e aí foi onde entrou o vicio das máquinas no corpo.
Pouco despois, e base de invadir as casas dos viciños, puña as miñas mans nun VIC-20, logo un Commodore 64 e logo un impresionante HitBit de Sony. O que veu despois foi unha voráxine.
Pensando en ir rescatar á casa dos meus pais aquela marabilla coas teclas totalmete ilexibles xunto co seu cartucho de memoria, dáme a hora de volver sentar atrás do volante para ir repostar antes de sufrir de novo a autoestrada, e lembro aqueles tempos diante da tele, nos que para obter fuel infinito só había que poñer POKE 56996,254, pero aquilo era un xogo.
…cantos «aprendimos» basic con esta máquina?
Eu nunca andiven con un Spectrum, pero tamén aprendin basic nun Amstrad cpc de casette. Efectivamente, aquelas cintas tardaban tanto que daba medo a idea de calquera fallo. Sobre todo si estabas salvando un programa que fixeras en clase.
O meu seguinte paso non foi o Commodore 64 sinon un Amiga 500, que aínda anda por aquí. Aquilo do Amiga sí que foi unha revolución, tristemente fallida.