Hoxe foi día de encontros con compañeiros da escola, o primeiro, logo de deixar ao pequerrecho na gardería e o segundo, ao ir recollelo. Cos dous compartín aulas e mais xogos e fomos medrando xuntos ata que as nosas vidas colleron diferentes camiños.
Ao primeiro deles había anos que non o vía, a última vez que nos atoparamos déralle catrocentas pesetas para un buco e só pouco despois souben que o xulgaran. Disque estes anos no cárcere foron duros pero polo menos deulle para deixar o que o levou alí, que o pasou mal cando o fácil era pechar os ollos e deixarse ir, que estaba recuperado e que leva catro meses traballando malia que aínda teña que ir polo xulgado cando pasan lista.
Atopeino moi gastado, coa voz rota, os ollos cansos e os dentes podres, pero ilusionado coa vida e tentando que o seu futuro non se parecese ao seu pasado.
Marchei apurado, case sen falar, e pasei a mañá cavilando no que nos tocou vivir, cando ao ir á busca de opedro tiven outro encontro. El, unha persoa vital que pasaba o ano traballando nas plataformas do Mar do Norte e do que as súas visitas significaban cita case que inescusable para ir tomar algo canda el e escoitar os plans de todo o que ía facer nun futuro non moi lonxano acompañados polas súas risadas contaxiosas.
Os rumores que chegaran aos meus oídos animáranme a chamalo hai cousa dun mes pero o seu teléfono non respostaba e, agora, o seu aspecto delatábao. A conversa, triste, levouna ben rápido ao seu campo. Disque precisaba cartos, ao que lle preguntei para qué os quería. Os meus tres euros e corenta e tantos céntimos, mais o que tiña, valeríanlle para unhas micras de jaco que coa súa base de perico darían para pasar o mono, pero que non temese que disque sabe o que hai e que xa está alongando o tempo entre chino e chino.

Sabendo o que sabe por experiencias pasadas dígolle que aínda me sorprende máis que ande nestas a estas alturas e entón é cando os seus ollos evitan aos meus e comeza a falar do vacío, de que todo é unha merda e que non sabe onde ha pasar a noite…
Agora é el o que ten apuro por marchar, irá facer a súa única compra, pero antes lémbrolle que o mono paga apena sufrilo, que era o que el dicía, que o jaco quita máis vida da que dá… pero xa non me escoita. Apalpa nos seus bolsillos, saca papeis, un chisqueiro, un tutelo de metal, e un chaveiro cunha navalliña e mais unhas chaves pendurando, pídeme un cigarro, mellor dous, e mentres se alonxa di que hei ver que me chamará. Oxalá.
¡Que mal rollo! Ten que ser unha putada. Para eles seguro, mais tamén para ti.
canto me gustou este post, falas dun gran % dos meus doentes!!…e, a verdade, cambian tanto cando os tratas igual que a calquera, certa sensibilidade moi dentro, como pícaros grandes.
eu non me atrevo a contar cousas no blog, porque o segredo profesional para min é sagrado, miña nai me botoume algunha bronquiña por non decatarse do ingreso de alguén do barrio ata que llo conta unha veciña.
plas, plas…
e bicos ou meu rei
muacks!!
Fermosísimo post!
si que é fermosísimo, porque amosa a mirada sincera dun gran tipo sobre unha realidade triste e fea…
unha aperta, opaco.