Defying gravity

Neste longo fin de semana tiven ocasión de comprobar o meu estado de forma a bordo dun kart queimando goma e mais gasolina, saltando pianos e contravolanteando, sentindo o que é controlar unha máquina na que o conductor é o amo e gozando como un anano. O resultado da diversión foi unha desfeita a nivel muscular, maniotas ata en músculos que non sentía que formasen parte do meu corpo desde que se me dera por ir xogar ao squash.

E así, comentando co meu irmán máis novo, que se adica case que profesionalmente ao basquetebol, a posibilidade de apuntarme a algunha partida de veteráns, que é como lle chaman aos retirados, e recuperar algo do que foi a miña única actividade física durante anos, dime que o nivel é alto de máis para o meu estado actual, que é ben coñecido por el.

Sendo que o deporte solitario e con máquinas dame alerxia, xa que o que me gusta é xogar e non facer deporte, dime que agarde a que opedriño medre un bo cacho e que xa tirará el por min para ir practicar, como era que el viña atrás nosa para ir xogar, enchéndome de orgullo que dixese que se non fose por min quizais el non estaría hoxe xogando, que sendo el daquela un cativiño de nove e dez anos, se apuntaba a xogar con nós, xente que lle quitabamos medio metro e máis de altura.

Spud Webb nun concurso de mates

Agora, poñendo a cero o meu bloglines din cunha lembranza de Spud Webb, un tipo que foi o primeiro xogador de menos de seis pés de altura en gañar un concurso de mates na NBA, e chameino para que lle botase unha ollada. Disque o Spud tiña un salto vertical de 107cm. e que cos seus 1,73m. facían del todo un espectáculo, ao que o meu irmán lembra medir saltos meus en carreira de máis dun metro de altura, que para os meus 5 pés e once polegadas tamén me daban para apuntarme aos concursos de mates e voar por riba del… pero iso foron tempos, e chegou un momento no que só voaba en soños e en festas de gardar.

Agora non sei se sequera chegarei a tocar a rede; a última vez que pasei por debaixo dunha pareceume inalcanzable, pero para voar seica xa temos a opedriño, que hoxe mesmo lle afirmou á profesora varias veces que el ía á Coruña en avión e voando por riba das nubes e por iso foi que preguntou se era certo. Só lle faltou dicir que pilotaba el.

4 thoughts on “Defying gravity

  1. Arquímedes mellor ca Newton. Eu asegúrolle que co waterpolo o corpo ía quedarlle moitísimo mellor.

  2. Spud Webb e Juan Antonio Corbalán foron unha referencia para unha xeneración de rapaces “pequenos” que decidiron facer deporte e xogar ó baloncesto, nos tempo de Maradona.

  3. calidonia, conten comigo para sustituilos cinco minutos :)
    cossimo, a desvantaxe que lle vexo ao pólo aquático, como lle din, é que despois de cinco minutos en vez de potear, afogaría ;)
    e do Spud Webb só admiraba a súa potencia, nunca me gustou como xogador, con todo o mérito que tiña, e o Corbalán, agora parece, con todo o que foi, a prehistoria.
    Para cando esa pachanga? :D

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *