Disco remoto co mac en Dreamhost

Despois duns días de desconexión, xa sen area nin salitre do Atlántico, sento con calma diante do monitor e levo á práctica o lido na palma da man.

Son xa máis de quince meses os que hai que me independicei do servizo de blogger e veño utilizando dreamhost. Non vou repetir e facer publicidade do que ofrece, pero a miña experiencia levaríame a repetir a elección malia a saber que tamén teñen os seus problemiñas.

Entre os seus servizos, chama a atención o espazo en disco e mais o ancho de banda a disposición, que se agora, para os novos clientes é de 164GB e de 1640GB mensuais respectivamente, vai incrementándose semana a semana, cousa que no meu caso fixo que agora mesmo teña ao meu dispor 231GB en disco e un ancho de banda de 2760GB mensuais, que é moito máis do que poida precisar.

Con todos eses gigabytes de disco desaproveitados e seguindo as recomendacións que aconsellan gardar sempre unha copia de seguridade lonxe da casa ou do centro de taballo para estar a salvo de roubos, inundacións ou lumes, confirmo o lido en geek to life de lifehacker e mais nun par de posts do Michael Lee no Addison Road.

macbackup remoto

No primeiro dos posts se explica como utilizar un servidor que ofreza SSH, un xeito máis de acceder aos arquivos doutra máquina a través da rede coa salvedade de que a información viaxa encriptada, para integralo como se fose un disco máis da nosa rede. Só hai que instalar no mac o MacFUSE, un software liberado pola xente de google, xunto co SSHFS, que se poden baixar desde acó e só quedará conectarse ao noso servidor e comezar a arrastrar e soltar arquivos coa diferencia de que ese disco estará onde o noso hosting. Apenas quedaría seguir as instruccións da wiki para non ter necesidade de introducir nome de usuario e contrasinal cada vez que queiramos acceder ao noso disco remoto.

Na outra das solucións, a do Michael, proponse a utilización de dreamhost como almacén de copias de seguridade como solución económica. Hai que lembrar que dreamhost ofrece todo eses espazo a cambio de apenas uns 20€ o primeiro ano se se usa un código de promoción (o meu promocode é PROMOPACO95 que permite aforrar 95$, aínda que se pode atopar algún outro pola rede que permite aforrar 1€ máis).

Nun primeiro post amosa paso a paso desde como crear un novo usuario con acceso SSH e logo, utilizar rsync desde o terminal backup to dreamhost e así, cun

rsync -avz ~/Documents/ USER@SERVER.dreamhost.com:~/laptop.bak/Documents/

chegaría para facer unha copia de seguridade de todo o que está no noso cartafol de documentos a un cartafol chamado documents dentro doutro chamado laptop.bak no noso servidor de dreamhost, para o que cambiariamos só o nome de usuario e mais o do noso servidor.

E na segunda parte amosa como crear un applescript para facer esa copia de seguridade de xeito automático e botar man do iCal para programala no tempo para, por exemplo facela pola noite, dado que na primeira copia serían moitos os datos a subir e, con anchos de banda de subida escasos como os que temos por aquí levarían o seu tempo, nas seguintes, só sincronizar os arquivos que cambien. De entre os comentarios hai algún que dá unha mellor solución para programar a sincronización, pero iso vouno deixar entre as tarefas pendentes.

E se alguén quere facer a proba desde o windows, que bote unha ollada acó.

One thought on “Disco remoto co mac en Dreamhost

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *