Agardando máis do mesmo

Só sentín que algo esvaraba do meu peto cara ao chan. Nesa centésima de segundo, e sabendo das dúas cousas que levaba comigo, deume tempo a valorar e desexar que o que caía fose a cámara, coa que se haberían de ir unha ducia de fotos e mais un video de opedro. Outra centésima de segundo máis tarde os meus ollos xa identificaban o obxeto que caía; era un Treo650 cun ano e pico de uso e cunha tarxeta SD cheíña de datos.

En circunstancias normais, o peor que podería ocorrer sería romper a pantalla, pero como as circunstancias non o eran, non me quedou outra que ver desde a borda do costado de babor como ía polo mar abaixo un Treo de pé. Pensando en recuperar os datos, unha hora despois baixaba un rana a unha lectura da sonda de entre sete e oito metros. Subiu ben logo para dicir que só atopara fangos e viu a confirmar que era hora de que comezase a buscar solucións.

O primeiro era pedir unha nova tarxeta SIM para poder utilizar un teléfono ao que lle faltaban máis da metade das teclas que viña premendo durante a miña vida de treonauta. O seguinte foi imprimir a lista de tarefas e mais a lista de contactos; total corenta e tantas follas que cuspiu a impresora e, de novo, tempo para unha elección. Non me levou moito decidir, unhas probas dos equipos do lado escuro que saían na lista das compras bonificadas e xa tiña decidido que vou repetir, por estabilidade, autonomía, rapidez e polos puntos de movistar.

agendus para palm

Paro a cavilar e seica tamén é polas aplicacións dispoñibles, por non ter causado neste tempo máis que cinco ou seis resets, iso si, inducidos; pola resolución da pantalla e polo seu brillo, por, a falta de umts e wifi, zafar tan ben co gprs, polo agendus, polo splash id, polo worldmate, polo metro, polo butler, polo bejeweled, polo tomtom, polo warfare incorporated, polo docstogo… e tantos outros.

E con pesar dos pesares neste momento, por non ter feito copia de seguridade dun mes para acó, sendo que só a precisei nunha ocasión, nunha parada e actualización programadas.

Para dar o salto, creo que terei tempo.

One Comment

  • Vaia, que se lle vai facer! eu cargueime a pantalla da PDA onte ao cambiarlle a batería. Vese que a apretei demasiado ao pechala e cascou, co agravante de que xa me caera ao chan e rompera o primeiro día pero o meu provedor trocárama por unha nova moi amabelmente a través da garantía. En fin…

Deixa unha resposta

Your email is never shared.Required fields are marked *