A semana pasada Yahoo lanzaba un novo producto beta chamado Yahoo Pipes, unha ferramenta que xa foi considerada como «…a milestone in the history of the Internet» ou o que vén sendo, un fito na historia da internet, por Tim O’Reilly, gurú de profesión.
A idea consiste basicamente nun editor visual deseñado a base de módulos cos que, partindo de diferentes fontes de información, podemos misturalas, remexelas, peneiralas, analisar o seu contido e extraer ou engadir datos para obter un machuco que nos dea os resultados nunha nova semente RSS.
Pero isto non é novo, os machucos feitos cos mapas de google non son máis que un exemplo de pipes feitas a man, na que sobre unha plataforma cartográfica se engaden datos que unha vez combinados producen uns resultados asombrosos.
Sen ir moi lonxe, o marabilloso traballo que fixo o berto cos cartazes que ían quedando apartados nun recuncho da rede non dista moito do que pretende facer o novo servizo de Yahoo. A partires dos cartazes e mais os seus datos bibliográficos e coa axuda de pipes do unix foi quen de baixalas á súa máquina, logo manipulounas ao seu xeito para engadirlle un título e unha descripción para subir, por último, o resultado ao Flickr, onde serán máis accesibles e tamén bastante máis visibles.
Así, Yahoo desenrrolou unha ferramenta para que os usuarios poidan non só utilizar diferentes fontes de información senón tamén xogar con elas, para conseguir sementes modificadas e persoalizadas ao noso xeito e que aporten información que nos sexa relevante segundo as nosas prioridades ou necesidades. O seu nome, pipes (tuberías) vénlle das tuberías que se utilizan no seu editor para unir os diferentes módulos co fin de obter a nova semente.
A grande novidade é que xa non son precisos tantos coñecementos para crear novos machucos, pois co editor visual non se necesita comprender o código para desenrrolar un novo resultado, conseguindo que a xente teña un maior control sobre os servizos de información que recibe da rede. Tamén é positivo que, ao mellor estilo douspuntocero, pódese copiar calquera pipe creado e modificalo con novas fontes ou módulos, sendo só cuestión de tempo que cadaquén poida facer os seus propios sen a axuda de ninguén, partindo de grandes ideas que xa crearon machucos persoalizados.
Así, partindo da semente do Chuza podemos analisar cada unha das novas que se publican, delas extraer palabras que se refiran a unha ubicación, e con eses datos, ir buscar ao Flickr fotos que teñan nalgún dos seus tags os nomes deses lugares ou poboacións, que darán como resultado, o que segue,

Ou partindo da mesma semente, seleccionar só aquelas novas publicadas na categoría de tecnoloxía, misturalas coa semente da sección de tecnoloxía da Voz e á súa vez, misturala coa semente de Código Cero, da que previamente extraemos só os artigos da categoría gadgets os os que fan referencia a algunha tecnoloxía, para, ao fin, dicirlle que o resultado da semente querémolo en orde inverso á súa publicación.

No futuro… dependerá da utilidade que se lle atope, xa que potencial ten moito, e desde o momento que a sindicación de contidos ten aínda moito camiño por andar, o futuro promete.
que boa pintiña ten isto.
vou dar unha volta por alí
aperta mangallón