Going mobile
15 Outubro 2006
Á vista de como cambiou a rede e os aparellos desde os que nos conectamos a ela nos últimos dez anos, non vou moi desencamiñado se penso que nos próximos dez anos ha cambiar moito máis. Así, a xeración que anda aínda coa chupeta na boca estará interconectada como ninguén o estivo antes; saltarán por riba das conexións de fíos para ser usuarios da internet nas rúas.
Pero desde a experiencia de conectar á rede desde a rúa a cotío cunha pda, hoxe en día é caro, moi caro, se non se dispón dun aparello con wifi e dunha rede aberta próxima, algo ben difícil desde o momento que son moitos os lugares que nen sequera teñen acceso á banda ancha.
E os deseños das páxinas, a maioría dos deseños fan aínda menos accesible esta internet desde a rúa. Desde unha pantalla de 320×320 no treo, ou de 420×320 no t5, ou de xente que ten 240×240, ou 128×128 nun telemóvel hai páxinas que se fan ilexibles, ben por teren imaxes enormes e parágrafos anchos que non caben nas nosas pantallas, con deseños en flash que non se ven por ningures, ou ben por unha publicidade intrusiva que non nos deixa ver o contido que nos interesa, e, dese xeito, incidindo aínda máis no aspecto económico, ao ter que descargar (e pagar) datos totalmente irrelevantes desde o noso punto de vista.
Con todo, sempre hai servizos que facilitan a navegación. Son usuario desde hai tempo de Skweezer, un servizo que permite navegar a través dun proxy, como tamén o ten o google, encollendo as páxinas e eliminándolle o contido pesado, e así foi unha sorpresa que o Bloglines mobile (para voltar ao Bloglines orixinal, aquí), que tamén me resulta moi cómodo para ler os feeds desde a estrada, incorporara o skweezer para as ligazóns fóra do lector de feeds. Problema a corrixir, as ligazóns que se envían por correo desde o bloglines mobile incorporan o alixeirador do skweezer, e fanse incómodos desde o ordenador.
Nesta onda, son moitos os que ofrecen servizo móbil e os que, aos poucos, vanse sumando máis a facilitar a accesibilidade ao lector móbil.
Destes últimos, o que veño de engadir aos marcadores no pda é o chuzamóbil, que fai compañía a El País, El Mundo, Google, Yahoo, Skweezer ou a Wapedia, a wikipedia móbil, para sabermos de que anda a falar o mundo desde calquera lugar.
E para dar exemplo, e tal que é ben fácil engadir accesibilidade móbil a calquera páxina montada sobre o Wordpress, veño de engadir unha nova extensión, a Wordpress PDA que, só con detectar o navegador que utiliza a PDA ou o telemóvel, carga unha plantilla, e que se pode editar, máis alixeirada. O resultado é moi bo visto desde a rúa, xa que non dá traballiño ningún e é fácil de personalizar, como tamén fai a quizais menos vistosa extensión wp mobile.

Outros aínda non o fixeron. A que agardan? Facilitádenos a lectura.
P.S. Os de google toman nota e bótannos un cabo aos utilizadores de palm; veñen de presentar o google maps para Treo (e palms con wifi)
Outubro 15th, 2006 at 8:56 pm
…ainda non tiven a oportunidade de probar esta extensión, pero nas Palm, o wp-mobile enganaba ó fantástico quicknews (non podo vivir sen él!) e non permitía recoller a semente da bitácora… imaxino que este engadido non terá eses problemas…
Outubro 16th, 2006 at 9:22 pm
Moi interesante!! Ti recomendas os Treo? É que ando pensando en xuntar pda, teléfono e wifi (que a miña non ten) nun só aparello pero non sei cal é a mellor escolla.
Bks
Outubro 17th, 2006 at 1:40 am
xa pasei onte por aiquí, e pensei: ai, dioxmio, arredemo, q no me entero de ná…
eso si, en canadá parece todo moi normal, levan os portatiles , os aparellos pequemos…anda todo wifi, pero a xente sigue falando nos cafés.
muacksccc pedro, teño q mandarche fotos.
Outubro 17th, 2006 at 9:00 am
leco, uuuuii, para xuntar esas tres cousas nun aparello tes que escoller
primeiro por windows mobile. Iso desbota as treo con s.o. palm. Nos
treo que usan o windows mobile pódense usar as tarxetas sd wifi (na
miña non, o seu grande talón de aquiles).
Non ando á última das novidades para ese sistema operativo, pero a
oferta vai sendo grande… e si, co que coñezo, eu volvería comprar un
treo palm, anque co panorama futuro, non incorporar wifi nun aparello
destes semella un suicidio comercial :D
siloam, canadá semella un país normal ;) e as fotos serán benvidas.
Outubro 17th, 2006 at 9:46 pm
…eu recomendaría a nova treo 750v, que anda a distribuir vodafone, por un prezo aceptable… pero leva windows mobile… a verdade é que o s.o. de palm, está moi ben… bótalle un vistazo, ou agarda á equivalente 750p…
Outubro 18th, 2006 at 12:06 am
Obrigada pola info. De todos modos acabo de darme conta de que teño contrato de permanencia con Movistar e creo que me calcan 150 euriños de vellón se o rompo, así que non vai poder ser agora :(