Safe and sound

10 Agosto 2006

Cheguei san e salvo, nunca mellor dito. Coma ben apuntaba engalego no post anterior, e aínda que a orixe e mais o destino mudaran desde que o escribira, a base de quilómetros apréndese que o mellor camiño para ir a Bergantiños ou terras de Fisterra e Soneira é atravesando Negreira e collendo cara a estrada AC552 por unha AC441 á que tarderei en esquecerlle o nome.

Coa lúa oculta tras o fume, puxéronme fóra da autoestrada antes de poder chegar a Padrón. Atravesando Valga, as voces das campás co seu tanxir confirmaban a tensión que se vivía en ambas as dúas bandas da estrada e así fun, todo o camiño escapando do terror por L.A. ata chegar ás terras da Barcala, onde vin por primeira vez á lúa chea alumeando a estrada.

A AC441 estaba despexada e con apenas tránsito, e aproveitei para aumentar a velocidade media do traxecto. Antes de chegar a unha curva á dereita, no quilómetro dezasete, intúo outro coche nos reflexos do pretil. Baixo as luces e amodero, e en cuestión duns segundos evito rebentar un Citroën C15 suicida que invade o meu carril. Cando parei bastante mais adiante, vin outro coche que seica batera co suicida. Foi el o que deu a volta para perseguilo; eu chamei á casa de Navarro e continuei a miña rota e mais a súa demora acumulada.

Citroën C15

Non foi chegar e encher, así que aproveitei para estar un bo cacho de palique coa casualidade que levara a uns amigos a escoller a terra dos montellóns como destino turístico.

Na volta, dou cos de atestados de tráfico, que teñen retido ao conductor suicida aínda borracho. Ofrézome a prestar declaración e, ao pasar onda el, dígolle que se chega a vir alguén polo outro carril iría dereitiño contra el e xa non estaría sequera respirando. Diferenciábannos dúas toneladas. Disque cando chegaron os sicarios de Navarro, estaba a durmir no coche, espertáronno e o primeiro que fixo foi preguntar se estaba en Corcubión, a uns vinte quilómetros de distancia. Eu sigo sen comprender como alguén así se atreve a coller un volante…

Vaise atrasando a hora de chegar á cama, á que ao fin chego, e cando opedriño me fai acordar, na radio contan a outra noticia do día. El debía estar chegando aló e escoito: ataque, terroristas, avións, Heathrow,… collo o teléfono e non hai resposta, fago máis chamadas e ninguén sabe nada. Sigo tentando e… sucesso, aínda está en terra.

Hidroavión Canadair 415

E a pesares da desfeita e de seguir a sentir os hidroavións a pasaren por riba miña, non foi unha noite tan mala.

Algun dixo que... to “Safe and sound”

  1. enGalego Says:

    Sintoo polo do suicida. A ruta quedará mellor cando rematen a circunvalación de Negreira. Se, como se falou hai uns anos, fixeran unha via de altra capacidade dende Berdoias ate Bertamiráns que conectara coa futura autovia a Noia xa sería a “leche”. Ao mellor os netos de opedro poden desfrutar dela.
    un saúdo

Trackbacks/Pingbacks

Fala sen medo