Ostalgisch
4 Agosto 2006
Algunha vez lera de que fora ao redor de 1960 cando comezaron, no que daquela era Iugoslavia, a abrir os primeiros campings nudistas. Os mais deles estaban en Istria e Dalmacia, en Croacia, e só un estaba en Montenegro, en Ulcinj, o Ada Bojana.
E precisamente ese foi o obxeto da miña curiosidade. Funcionando ata 1990, era un dos centros naturistas máis sobranceiros de Europa, con milleiros de visitantes todos os anos. Coa guerra nos Balcáns permaneceu pechado ata o ano 2002, en que algunhas das instalacións foron reparadas e outras quedaron abandoadas ao estaren en malas condicións ou por non teren servizos, hoxe, esenciais, nomeadamente duchas e cuartos de baño nos apartamentos.
Coa mente cavilando en ir pasar uns días aló, ilusióname o ter que ir aló a través do aeroporto de Podgorica, a anteriormente coñecida como Titogrado, pero o prezo e a duración da viaxe bótannos para atrás, pero aínda así sigo sachando por ver que atopo. Conforme as opinións de quen foi aló, o camping non ten nada que ver con eses resorts onde van as parellas en lúa de mel, nin pulseriñas con todo incluido, nin buffets, nin piscinas, nin excursións en quad, nin en barco,… incluso hai quen se queixa de que a pesares de non precisar luxo ningún, agardaba atopar unhas instalacións máis coidadas e auga quente polo menos.

Navegando por páxinas que aínda teñen o .yu cando debesen ser .cg por mor da independencia do país en xuño deste ano, dou, por fin, coas fotos, de entre elas, choco coa das vacas na praia, as casas abandoadas, o parque a monte, e cunha páxina rusa que amosa en todo o seu esplendor todo ese aire decadente que cheira a Ostalgie, esa morriña polo que había atrás do telón de aceiro.
Para quen queira ir dar unha ollada e contar despois, parece o destino perfecto para desconectar do mundo nun complexo naturista que aínda hoxe amosa o mellor da industria turística promovida polo titoismo das repúblicas socialistas federais da Iugoslavia. Xa me contarán, nós seguimos buscando.
Agosto 6th, 2006 at 3:44 pm
E isso é como Cap D’Adge ou “rollo light”? :D
Agosto 7th, 2006 at 4:32 pm
O de Cap D’Adge só o coñecemos por outra xente… e a piques estivemos de ir aló (antes de saber de que ía o conto); anque este chéirame a rollo light de mais. Temos estado en outros campings franceses e o “rollo”, como vostede lle di, é como a vida mesma ;-)