Non repetín resposta. Tantas veces me preguntaron por onde andaba e tantas outras daba unha contestación distinta.
Tiro de neuronios e lembro, Baiona, Vigo, Marín, Rianxo, Ribeira, Baroña, Portosín, Noia, Santiago, Fisterra, Coruña, Mondoñedo e Burela, que dan para facer unha rota digna do que ben podería ser un promotor inmobiliario á procura de concellos adeptos ata un chofer dun camión do peixe coa súa pegata do Pensando en ti.
Tal e como fai o F.Míguez, apunto tres cousas por mor de non esquecer para outra semana destas,
A N643 desde o aeroporto cara a A6 está a converterse nun auténtico perigo; tanto como que mentres non arranxen o seu firme prefiro pagar a peaxe e ir dar unha volta a Galiza a aforrar tempo, cartos e quilómetros, todo iso por non arriscar a vida e torturar ao coche como os que van camiño do cárcere de Teixeiro aos tombos.
En Baroña, a súa praia dá un lindo lugar para botar unha soneca á beira do mar, sobre todo, os días do cotío, cando apenas hai xente e aínda menos textiles.

Por certo, xa amañaron os anuncios do que agarda ao final do camiño. Así está mellor, sen bañador; os tempos de prohibir quedaron atrás. As correccións feitas aos graffitis pódense ver aquí.
E a derradeira anotación desta xeira é a dunha Fisterra chea de turistas, na que o ladrillo semella ir soterrando aos nativos. Facendo víveres nunha das miñas operación retorno, houbo un momento no que os meus neuronios só decodificaban sons en holandés e en inglés. Menos mal que alí estaban os tigretóns e mais os panterasrosas para devolverme á realidade. Ben, eles e a caixeira a reclamarme os seus seti euros.
Hoxe apenas me movín… e moito menos, en coche.
No Comments