Parece que o habitual neste tipo de actos é que o seu comezo se demore un bo anaco. Dese xeito tiven a oportunidade de agardar na compañía dos participantes na mesa redonda; alí estaban o Luís, o Berto, a María, o Marcus e mais o Dorfun, co que, para min, a mesa redonda xa se estaba a celebrar. Cos últimos votos aínda por emitir alí a carón de nós, agardei mentres falabamos das leiras do blogmillo e da internet, comentando a actualidade da rede galega co varios dos seus protagonistas máis sobranceiros. Xa logo, foi que subimos para a aula onde tiñan lugar a xornada da RdL06, onde xa se uniu o Carlos, para dar comezo a mesa redonda.

Foi a María, como moderadora, a que presentou aos participantes, falounos da importancia da libre difusión da cultura e comentou a existencia das licencias copyleft, que nos facilitan o acceso á cultura en galego poñendo como exemplo o que veñen facendo en Ediciós da rotonda.
Logo foi o Luís, de Tempos Novos, que nos deu unha visión, como el dixo, máis ben teórica da comunicación en galego e en Galiza, quedándome eu coa frase de que ao fin, a lingua é a que aporta unha identidade aos contidos, e que o gran problema que temos para unha maior de difusión e consumo da comunicación en galego é que segundo diferentes estudos, habería ao redor de setecentos mil analfabetos funcionais na nosa terra, é dicir, sen capacidade crítica e, polo tanto, con grandes atrancos para consumir e producir sequera en galego.
Interviu o Marcus, de Código Cero, para falar sobre a evolución do que chamamos blos, do que xa temos un resumo e mais a súa presentación do que contara no Enblogs, e mais das posibilidades futuras de publicación de contidos na rede a través de terminais multimedia (teléfonos/PDAs) ou mesmo, desde un procesador de textos.
Da blogaliza, foi o Dorfun o que fixo a presentación do sistema de creación de blos creado ao redor do blogmillo, quen de xeito didáctico amosou a facilidade que ofrece a blogaliza para a creación dun blo en apenas uns minutos ademais da potencialidade do xestor wordpress para a persoalización da mesma. Apuntou tamén que a comunidade está aberta a iniciativas, aportacións e suxerencias, pois se por algo se destaca é pola comunidade hai detrás da web.
Para presentar o Chuza, o Berto contou detalles de como é que funciona por dentro este sistema de novas sociais, non puidendo evitar, para explicar a práctica da súa utilización, chuzar unhas cantas novas a discreción para que non lle baixase o seu karma despois de toda unha tarde sen fedellar.
E para finalizar, o Carlos comentou como é que naceu arredemo, unha continuación da expresión de toda aquela nación que se levantou contra o poder por mor do desastre do Prestige, na que o colectivo Burla negra foi unha das sementes do que posteriormente aproveitaría as achegas dos diferentes colectivos e asociacións, que viñeron a tecer a rede de arredemo, unha rede de acción sociocultural que se conforma ao redor da arañeira. Foi el o que arrancou as risadas do público á hora de contarnos como foi que naceu Hai que Botalos, así, HqB foi a resposta á pregunta de como se lle podería pegar un tiro na fronte ao Fraga sen matalo; unha resposta que obtivo unha difusión que non podería ter conseguido sen a existencia dunha rede galega que posibilitou espallar de xeito libre a mensaxe.
Á hora das preguntas e do debate a miña mente estaba máis fóra que dentro, e como ben me dixo dorfun, coma nos funerais, eu xa fixera a miña achega coa miña presencia. Quedei con ganas de poder escoitalos fóra do guión, así que xa me dirán o que me perdín…
No Comments