Ihr Weg ist unser Ziel
Cheguei sen saber sequera quen habería de estar, e foi que me xuntei con dous que viñan de Alexandria, un de Dublin, outro de Faro e outro de Southampton e máis dous de Mumbai, e agás a dirección, que o máis próximo que ten con auga é o río Weser, o resto tiñamos en común un próximo acceso ao mar. Acabei no grupo dos Atlánticos, máis que nada, por ese costume de facer os días máis curtos a base de cervexa que tan ben me veu.
No medio desta pequena Commonwealth, claro está que a lingua franca era o inglés, foi que demos en falar sobre a seguridade vial, do que máis diferenciaba conducir na Baixa Saxonia a facelo en candas nosas terras. Houbo comentarios de todas as clases, se os coches, se a educación, pero a conclusión derivou na calidade dos firmes das estradas e a súa sinalización.
Se hai un sinal de circulación que se ve máis nestes Länder do oeste que na nosa terra é o de Straßen Schäden, que vén dicindo que o firme está en mal estado, sen por iso significar que as estradas estean en peor estado que as nosas ou permanentemente en obras, senón que na nosa terra non é utilizada ata que os baches xa son quen de reventar rodas e provocar accidentes.

Acabei pensando, para min, nos operarios da AP9, e no ministerio de Fomento, que se tivesen que incluir estes sinais no seu inventario terían que facer fronte a un gasto enorme na súa adquisición, e se os situasen nas estradas non me estrañaría que máis da metade do traxecto da AP9 sería declarado en mal estado segundo o criterio destes alemáns, porque se por algo destacan as estradas alemás é pola calidade da súa banda de rodadura, o seu nivelado e ausencia de irregularidades e mais pola súa boa sinalización, isto é, nada a ver co que temos os galegos.
Así, polo que veño facendo esta semana pola Autobahn, na nosa terra tratarianme de delincuente, cando a realidade é que circulando a moita menos velocidade polas nosas autoestradas vou pensando, entre baches, oscilacións do terreo, badéns, xuntas de dilatación desniveladas, con escasa sinalización… quen serían os que se atreven a facernos circular por camiños de carro que designan e sinalizan coma se fose unha autoestrada de seu, e que, por riba, temos que aturar que nos traten coma delincuentes… bis bald.
Maio 19th, 2006 at 5:50 am
Ves, aquí copiamos o modelo francés, no canto do alemán, e multa que te criou; dende o punto de vista do telediario: “Hai que ver que listos os franceses, que baixaron a sinistralidade poñéndose rabudos”, pero nada de “Mira como andan os alemáns a 220 sin que haxa mortos a esgalla.”