Leo con asombro que, seica a pesares de estar prohibido o baño no tramo urbán do río Lérez, o concello montou un pantalán para que o alcalde Lores mais os seus amigos se puidesen bañar no río este sábado pasado; iso si, aproveitando a enchenta que dá ao río a preamar das mareas vivas que van estes días, que outro conto sería bañarse cunha marea baixa que deixase á vista as súas miserias, e así nolo contan,
…o alcalde e os seus acompañantes descenderon cara un pantalán colocado ao efecto. Desde el tiráronse demostrando así que o río está xa en condicións adecuadas de salubridade, se ben continúa a ser unha zona na que é perigoso o baño…
E disque non queren que se lle compare co de Palomares, pero eu me pregunto quen é o membro dunha administración calquera para dicirme que as augas dun determinado lugar están limpas polo feito de bañarse aló. Se Mao e Fraga foron promotores de campañas similares en 1966, corenta anos máis tarde é o río Lérez ao seu paso por Pontevedra o protagonista da propaganda.

E sen deixar de aplaudir as obras de saneamento que se fixeron nos últimos anos, nos que as rúas de Pontevedra están a se converter nun espazo de convivencia para os seus cidadáns á vez que un espazo de comunicación, sabemos que a percepción de determinadas realidades precisan de participación popular, pero eu son dos que pensa que mellor estaría que nolo dixese a nosa vista e mais o noso olfato e que un par de laboratorios desen en confirmalo. Os nosos fillos haberían de agradecelo.
jejeje, a verdade e q foi gracioso velos nas fotos.
xa verás, co tempo, paseando a beira do lérz, como fan agora en ou, co Miño.
Os políticos son amantes da propaganda; non poden evitalo.
Estes políticos, cada vez andan máis desocupados.
Foi todo un avance, que a ecoloxía (que non é máis que unha forma de sentido común) chegara ás institucións públicas, pero mentres os políticos conserven a ferramenta propagandística, os feitos seguiran a ser pequenos, comaprado cos bombos que os anuncian.
A min tamen me lembrou a Palomares. Agora vaille sair outro ollo ao Lores como ao peixe dos Simpson.