moin moin
Comezamos as vacacións de Pascua co primeiro, e polo de agora único, día de praia do ano. Foi tal e como lembramos o do ano pasado, con opedro facendo cumprir a lei de costas; isto é, que os vintetantos castelos de area que construían os seus pais viñan sendo derrubados polo pequecho sen dar sequera opcións a alegacións pola nosa banda.

A auga, nin tocala, fría de máis para uns pes afeitos aos 37C dunha bañeira á que lle ten tomada a medida, así que o resto do serán estivemos a repartir bicos e conversacións pola conxestinada pouca area que deixaba a enchenta das mareas vivas destes días.
Os cus brancos e mais a area que non levamos da praia quedaron queimándose atrás nosa cando o sol estaba aínda por riba das nosas cabezas, pois opedro deu en amosar o malestar que o acompañou o resto dos días e que, aínda hoxe, fixo que quedase en casa sen ir á gardería.
E así pasamos o resto duns días que deberían ter sido dun descanso que desapareceu do noso diccionario, aproveitando as súas sonecas para botar as nosas e agochándolle as tentacións que, en forma de comida, farían que as súas cagadas fosen aínda menos pastosas. Así, o pan levouno un rato, a froita, agás a mazás, tamén, o leite, outro tanto,…
Co domingo chegou o día en que os fornos de medio país non dan feito a cocer tanta rosca, no que o seu padriño lle trouxo un agasallo e mais o roscón, da que seica non son o único que a ten polo melloriño que hai na terra, cunha mistura de fariñas e ovos que a fai única e, ano tras ano, na estrada de Camos, agora chamada rúa dos Pazos, ou no seu despacho a carón da Casa do Concello de Nigrán, congregan a ringleiras de devotos que xa quererían para si moitas das procesións de fanáticos que saen ás rúas nestes días.
A semana rematou con opedro pedindo pan por rosca, e non puidemos máis que dicirlle que a comeu todiña un rato, amosando o seu disgusto cun oooohh! …Cu, cu! dándonos a dicir que cando colla a ese rato diante vaille dar no cu.
Abril 17th, 2006 at 7:52 pm
jejeje, a le de costas, será el futuro robin hood :P
Qué ricas las roscas de pascua!
Abril 19th, 2006 at 12:11 pm
Pero xa vai mellor, non?
Abril 20th, 2006 at 10:29 am
Si, mellor, graciñas :-)
Abril 22nd, 2006 at 4:14 pm
Eu tamén son devoto da Copena nas miñas estadías panxonianas