En 1973 o Oldsmobile Toronado foi o primeiro coche que se puxo á venda que viña de serie con airbag incorporado. En Europa iso non sucedeu ata 1983 cando saía ao mercado equipando a un Mercedes 500SEL. Estamos en 2006 e todos os coches que saen ao mercado levan sacos no volante.
E iso foi do que estivemos a falar. Ela viña para falar do repugnante que se está a poñer o seu ex pero acabou falando de traballo. Non comentamos unha palabra sobre o cabrón do seu ex nin da efectividade dos sacos e mais dos cintos, ambas cousas eran algo obvio. Ela falou de traballo, eu, de coches, e así, comezamos discutindo da diferencia de tamaño dos sacos europeos e mais os americanos e ela rematou con que o núcleo do que a leva ao traballo é de ferro e a funda é de PU, non de plástico, e o que trae entre mans é de núcleo de titanio, con forro de coiro e cunha chea de botóns, unha novidade que non coñecen nin os que viven diso.

Dixo que estivera ben, viña disposta a contarlle a mamaíña todas as penas e acabara falando do traballo. E é que hai xente que tamén pode desexar que chegue o luns logo, pero por outros motivos; ter tempo libre é o que ten, pode ser contraproducente, as neuronas non fan máis que cavilar. Saiu dicindo que o seu obxetivo para esta semana era durmir mellor, que para outra falariamos dos ACC, que comezan a montar os coches agora e que serán de serie, e moito máis efectivos, dentro de vinte anos.
Nun vídeo Top Gear (un programa coido que da BBC), presentaban un modelo de Mercedes con un control de velocidade de eses. Despois de demostralo, o presentador, ó volante, dicía algo así como «O coche mantén a velocidade só, acelera para adiantar só, frea so… E digo eu… ¿Para qué sirvo eu?»
Xa sei que precisamente non é o tema mais, co perigosos que son os adiantamentos, por que non poñen cámaras nos carros para que retrasmitan o que teñen por diante ao carro que vén atrás? Non sería tan difícil nin tan caro, non?
Tempo ao tempo, xa se está a traballar en sistemas de visión artificial que, polo de agora, cheiran a ciencia ficción.