Ando a recuperar o corpo da xuntanza do venres á noite, unha cea informal entre compañeiros da escola, lembranzas de cando eramos nenos, recordos dos que xogaron e mais dos que recaeron na partida de chinos.
Días antes atopara a un deles ao carón dos xulgados, no derradeiro encontro pedírame cartos para o buco e agora saiu do hotel e mais pódese falar con el, o tempo sentoulle ben. E, en cambio, como o tempo non pode con todo, cando o sono podía comigo vinme metido nunha conversa cos de sempre onde só importaba que o seguinte local tivese un bo baño.

Marchei logo e ao pouco de estar en casa era a hora de erguerse, e o vento e mais a chuva reafirmáronnos que como en casa, en ningures. De paseo só estivemos o xustiño para que non caese o teito enriba de opedro e, á volta, adico outro pouco tempo a procurar información para recibir novos canais, fago un presuposto imaxinario e váiseme.
Mentres conclúo que non vemos televisión, fago zapping entre o que parecían outros canais e descubro que son máis ben próximos. Algo non cambiou en Portugal, a Lucía paséase por unha chea de canais viciños; hoxe búscolle unha explicación, e eis que atopo unha xoia nos seus comentarios,
…era uma boa altura para dizer aos islâmicos que há mais uma virgem lá em cima; e que é a Lúcia.
Pode ser que eles acabem com os atentados suicidas.
Eu, se fosse islâmico e soubesse que a Lúcia is engrossar o número de virgens, nem me suicidava…
Escachei a rir e decateime que xa estaba recuperado, pero foi sen tempo, nunhas horas será luns, para ben ou para mal, foi visto e non visto.
No Comments