Eisberg

15 Decembro 2005

Son moitas as lideiras a ferver nos meus neuronios e as máis delas teñen relación co mundo virtual, pero é ao mundo laboral a quen me debo, así que aínda que teño capacidade de proceso dabondo, os traballos manuais non me deixan voar como quixese.

Quería contar números, falar do traballo de ascárida, de calidonia, de lantania, que, por certo, é impresionante e según isto vive a só 884 metros en liña recta da casa dos meus pais, e doutros tantos anónimos que se atopan baixando ao fondo da rede. E é aí abaixo, chegando ás profundidades inexploradas onde se pode decatar un da grande explosión que se está a dar na arañeira e que só dá para ver a punta do eisberg, e como nun destes, onde a parte sumerxida e moito maior do que queda na superficie, sempre haberá lugares por explorar, e cada día máis. É sangue novo, os máis deles saltan desde o messenger ao blogomillo e, ás mesmas portas do inverno, é de agradecer que dun ano para acó a blogaliza está a abrollar nunha primavera que comeza a ser difícil de abranguer nun mesmo planeta.

Pero o mundo real non se move como na rede así, que volvendo ao mundo onde

o 46% dos entrevistados dixeron que o ADSL é unha sustancia alucinóxena; ou no que o 63,9% dos entrevistados asociaron Bluetooth cunha pasta de dentes

tentamos animar a mamá; opedro consígueo só cun sorriso, pero eu téñoo máis difícil sabendo o mesmo que ela, que pediu unha reducción de xornada (sen resposta) hai máis dun ano para poder compatibilizar a vida laboral coa familiar, que leva tres anos cun contrato de obra para implantación dun sistema informático que non ten nada que ver co seu traballo, que durante a xornada laboral o seu rendemento é intachable, que traballa nunha empresa que tenta ser grande pero non dá feito por mor dos administrativos-rémoras que levan aderidos, que… mellor calo.

E os lexisladores seguen a vivir nun conto de fadas non tendo en conta a realidade do mercado nin a realidade das novas situacións familiares. E os xefes de mamá viven noutro planeta, un planeta onde se prima máis a disponibilidade horaria que o rendemento e onde as súas mulleres son señoras da súa casa e xefas das súas chachas, nun planeta disque de iguais, onde o goberno converte en privilexios (para uns poucos) o que non pode converter en dereitos (para todos).

A ver quen se atreve a dicirme que, des que naceu opedro, mamá reduciu o seu rendemento

Fala sen medo