79,5mm x 95,6mm
13 Decembro 2005
Pistóns percorrendo distancias milimétricas en cilindros de tamén medidas milimétricas cubicando case os dous litros forman o corazón dunha máquina e como máquina que é non se pode laiar. Sen cambios de aceite, nin de filtros, o aire que agora lle entraba polas válvulas era un aire pobre que se tiña que abrir paso por un filtro suxo para misturarse cun gasoil que non ía ben peneirado. E notábaselle, notábaselle no cu, aquelas fumegadas delatábano.

Se falase diríalle que aínda lle podía ofrecer moitos apoios ao límite subvirando lixeiramente só para avisarlle de que levantase o pé do gas para logo, ao saír da curva, darlle todo o que tiña, subindo de voltas coma un lóstrego, facéndolle ver que aquelas cifras do par motor que viñan no catálogo non eran cousa de fachenda.
Si, era ruidoso e pequeno, pero sempre fora así, ofrecía o mellor que tiña coa idea de algún día chegar a ser un VH e estar sempre á súa beira. Era consciente de que non era o mellor, nin moito menos o carro máis lindo do mundo. Non era que fose feo, pero o tempo pasara por el e a súa fasquía xa non era tan atrainte, e aínda sabendo que tiñan un carro novo, non tiña ciumes ningúns por non podérense comparar. El apenas pediría que lle fixesen un mantemento axeitado e algún que outro lavado.
E aí o está, á mañá, baixo unha manta de xelo xirarán a chave do contacto e non dirá nada. Tremerá un pouco co frío e subirá de voltas a modiño, coma o primeiro día.
Fala sen medo