Telenova
9 Decembro 2005
Vai cambiando o xeito en que vemos a televisión. Onte foi unha das conversas que tivemos con parte da tripulación dos mediateletipos, que viñan para ver a opedro, pero coa demora da entrada na ría e máis co retraso do práctico por mor das condicións climatolóxicas, amarraron os cabos aos norais cando opedriño xa ía no segundo sono. Na esencia pouco cambiou desde os tempos en que perdiamos un capítulo dos Novos e tiñamos que pedirllo a alguén que o grabara nunha daquelas cintas VHS. E o mesmo pasa agora, só que en lugar de VHS, o amigo é a rede e o soporte é dixital. Así, mentres a televisión avanza a pasos lentos e o exemplo máis claro témolo aquí mesmo, onde a TDT non se pode sintonizar en moitos lugares debido a instalacións comunitarias non preparadas e falta de cobertura en moitas outras zonas do país e R, os da fibra óptica, segundo eles a tecnoloxía con maior capacidade de transmisión de información, que segue a ser unha das poucas cableiras no mundo, si, no mundo, que ofrece sinal de televisión analóxico, imposibilitando ofrecer aos seus clientes acceso á TDT, como xa anunciou ONO que o faría cos seus clientes, engadindo á súa actual oferta, todos os canais que se emiten dese xeito, sen necesidade de modificar ou engadir nada á súa instalación e polo mesmo prezo. Neste panorama, somos os usuarios da rede de redes os que imos por diante, podendo acceder a servizos de televisión que hai uns anos non serían posibles. Agora, cando perdemos algún capítulo daquela serie á que andamos enganchados, ou ben, para ver as series de televisión que botan por aí fóra, só temos que procurar nos regatos de datos que transitan pola rede e poñer o noso video a grabar. E a pesares de que o noso video apenas pesa cento e pico de kilobytes, é configurable até os máis pequenos detalles, rápido e consume moi poucos recursos do sistema; atreveríame a dicir que é o mellor e ademáis é de balde. E se para localizar aos amigos que tiñan as grabacións deses programas que nos interesan había que procurar por diferentes páxinas, agora co TVTAD a cousa é aínda máis sinxela. O TVTAD é un lector de feeds, só hai que indicarlle as páxinas que dispoñen das series de televisión e dicirlle as que temos interese en ver e, logo que algún capítulo novo está dispoñible na rede, liga co noso cliente bitTorrent (o noso video) para comezar a baixalo á nosa computadora.

Así de fácil, logo todo dependerá da nosa conexión á rede; e como ben di a Sra. dot é o acontecemento do ano en moitas casas. E o non sabermos inglés xa non é problema, só hai que guglear un pouco e até podemos ver Lost con subtítulos en galego, xentileza de Endurance.
Fala sen medo