Parabéns, Sedan Deluxe do 56
Fíxose tan popular que nunca pensaran que o nome lle ía ir tan ben, o Volkswagen, o coche do pobo. En 1936, un enxeñeiro alemán comezou cun proxecto que resucitaría despois da guerra un militar inglés e demoraría até 2003, cando VW paraba a súa producción. Tanto foi, que non hai ningures na Terra onde non se coñeza, e en cada país, ou nación, ou o que sexa formou parte do pobo que, o asimilaba dándolle un nome diferente do comercial; aquí escaravellos, alén da Canda, escarabajos e ao sur do Minho, carochas, cruzando o mar son fuscas, vochos ou bugs e en Europa é coñecido como cox, Käfer ou maggiolino. Ao sur do Miño era onde ía o meu pai. Lembro, que de neno, fedellando nos caixóns da cociña sempre aparecía un vello pasaporte, todas as follas estaban tintadas cos mesmos selos e carimbos, había uns da Aduana de Tui e a outra metade eran da Alfândega de Valença. Eran o resultado da compra que fixera nunha poxa nas Aduanas de Vigo, un coche con placas alemás requisado por non cumprir cos requisitos de importación e pagar as respectivas taxas, e que, a falta de pezas de reposto ao norte do Miño facíalle ir até Viana, onde era o carro-rei. Iso foi en 1967, uns anos máis tarde morría de tanto carrexar ladrillo e cemento, anque non hai moito, esta xoíña da familia revivía de novo coas súas mellores galas. Moito traballo levou e custou deixalo case igual a aquel día de novembro de 1955 cando saía da fábrica de Wolfsburg cara un concesionario de Hannover, a onde chegaría o día nove do mesmo mes.

En 1945 saíran á rúa 1.785 vehículos, co tempo, a producción foise incrementando para chegar en 1955 ao millón de coches fabricados, que se converteron en 1974, ano en que lle deixou sitio ao Golf, en máis de 16.000.000. Logo, en México as cifras engordaron ata os 21.529.464 o número dos que fabricaran. E é o día de hoxe, cincuenta anos máis tarde, que o número 1.012.791 queima, polas nosas estradas, gasolina sen chumbo misturado con aire do Atlántico. Unha beleza.