Pailáns

Desde que deixei de andar na bicicleta para moverme, moito teñen cambiado as cousas. Á beira da estrada, dos carreiros, das pistas e dos camiños, os viciños eran os de toda a vida, os mesmos que tiveran os meus pais, os meus abós ou os meus bisabós. Todos coñeciamos de quen eran os campos que lindaban cos nosos, os horarios para regarmos e as servidumes que existían polos nosas leiras ou polas dos viciños.

Co fin do século vinte foron chegando novas caras, era o prezo do progreso. Era xente que lle escapaba aos ladrillos e ao piche que todo o comía para botar camións e máis camións de cemento nos nosos lugares. Aquí podían ver desde a súa piscina aos nativos sulfatando as viñas, botando esterco, sementando millo, recollendo patacas,…

E foron chegando máis e máis grazas aos herdeiros que vendían, aos emigrados no Brasil e na Arxentina que tamén vendían, e comezaban a perdérense as pegadas da sociedade local atrás de escrituras de compraventa. Os últimos en chegar foron uns castellanos que traballan na cidade. Compraron unha leira para gozaren o mesmo que tanto tempo levamos facendo nós. Agora a súa casa xa ten tellado e a semana pasada chegou un tractor guindastre para facérenlle o valado e cerrar a leira.

A miña tía dicía que parecía boa xente, que falaran con eles e disque querían levarse a ben cos viciños. Deberon cambiar de idea, pois o primeiro que fixeron foi unha canal para levar os regos por onde non lle estorbasen e o tractor tiña intención de eliminar unha serventía que xa aparecía en escrituras de comezos do século XIX e que aínda está en uso. A comentar cos coñecidos, seica estes son os usos e costumes dos inmigrantes, inmigrantes que marchan da Gran Vía, de Camelias, de Urzaiz,… para construir o seu chalé e ser a envexa das súas amistades a costa de gañarlle metros ás estradas, ás costas e eliminando servidumes polas que pasan colleitas e así, estragando os costumes dun patrimonio inmemorial.

Agora será a xustiza a que decida, pero isto aínda ha de dar moitas voltas e a miña tía é das de pura raza galega e ameaza que non hai señorito vigués nin castellano que a arrede. Ela é quen de facer garda cun fouciño na man e o futuro non é nada prometedor. Máis cedo ou máis tarde han chegar os adosados (ou edificios) que o concello de Vigo tanto necesita e mentres tanto, o meu pai treme pensando o que está por vir, anda preocupado e durmindo pouco lembrando, como ben se dicía no Quilombo e no Brétemas, que os pailáns propietarios e os pailáns constructores están fregando as mans.

Toralla xa morreu, e as Cíes, para cando? Porque non me digades que uns hoteliños e uns adosados nas Cíes…


One Response to “Pailáns”

Leave a Reply