Nas pozas
17 Xullo 2004

Conducir pola costa galega leva consigo o privilexio de ler nos sinais nomes como Esteiro, Xuño, Lira, Portosín, Fisterra, Noia, Muros, Corcubión,… e por suposto, eses lugares permítenme pasar e darme un chupo no mar de Baroña. Pero foron tantos os quilómetros rodados que agora síntome derrengado. Aínda así, hoxe voltamos comer á casa dos avós do sur, e foi a primeira vez que deixamos a opedriño orfo por un tempo para poder ir até a praia.
O certo foi que non nos prestou moito. A nai estivo pendente todo o tempo do teléfono, por se for precisa a súa presencia, pois agora é como unha cociña andante, así que foi logo que voltamos a darlle a merenda. Para mañá tentaremos, se o rei da casa nolo permite, ir até ás pozas do Rosal.
Teremos que ir ben equipados para pasar o día nun paraíso natural que o ten todo, temos sol, temos sombra, temos auga e temos beleza. Non hai sitio para moita xente e habitualmente todo o mundo está espido, os únicos sons son os dun río bravo fluindo por unha fervenza abaixo. Todas e cadansúa vez que alí paramos, séntome nunha pedra do outro lado da poza e ollando a bravura da natureza sempre penso que estou no paraíso. Ao ser un paraíso descoñecido, ás veces ocorre algo que non ocorre noutras maravillas naturais, que un descoñecido que chega por primeira vez che comente da beleza do lugar.
Desta vez será máis lindo, se for posible.
Fala sen medo