
A comezos deste mes comecei cunha tarefa que hai tempo que tiña cavilado. Coma todos os anos, o meu pai fai anos no mes de xuño e, desta vez, fíxenlle un agasallo que xa me viña facendo ilusión desde hai tempo.
Así que desta vez, fun quen de coller o teléfono e falar coa hemeroteca do Faro e díxenlle o que pretendía, quería ter un facsímil do xornal do día en que nacera o meu pai. Contoume que a edición facsímil non a podería conseguir, que tiñan todos os arquivos dixitalizados e que tería que me conformar cunha impresión en formato A4. Catro días máis tarde fun até Chapela e o señor da hemeroteca xa estaba agardando.
Déume malas novas, o xornal do día que me interesaba, que estaba composto por só dúas follas, tiña a primeira delas rachada. Desilusón. E o peor foi que entre os orixinais dese día que conservan na hemeroteca, a empresa só dixitalizou o xornal ao que lle faltaba un cacho. Seica o fixera unha empresa de Mardrid.
Ocorréuseme preguntarlle se sabía se daquela saían os natalícios no xornal e despois de procurar durante unha media hora, tiña nas miñas mas unha copia do xornal de tres días máis tarde do que o meu pai nacera. Alí, nunha coluna adicada aos natalícios, puña que fora inscrito no Registro Civil de Bouzas un neno chamado coma o meu pai.
Cargado de ilusión fun, coas ampliacións que me fixo, dereitiño a un encuadernador, que foi quen me aconsellou sobre as tapas a poñerlle. Púxolle unhas tapas de cor azul escura e no lombo, díxenlle que lle gravase O Meu Faro de Vigo, no que ao final incluín tamén o Faro do día en que casou coa miña nai.
O señor da hemeroteca ao despedirse díxome que lle había gustar moito. Tiña toda a razón do mundo, agora garda os seus Faros antigos entre a súas lecturas máis satisfactorias.
Eu non o tiña visto tan ilusionado até unhas semanas máis tarde, mentres collía, ás poucas horas de nacer, ao Pedro para facerlle aloumiños, e cando non podía collelo, non paraba de facerlle fotos. E cando non tiña a cámara nas mans, dicíalle ao meu irmán que lle tirase fotos co móvil. E como se ve, aínda que até hai pouco era o móvil coa mellor cámara do mercado, a calidade da fotografía do Pedro no colo do seu pai deixa bastante que desexar.
Pingback: Opaco » Blog Archive » Blitzschnell