Xa vai un ano da noite en que cheguei a Casa e son moitas as lembranzas que me trae o día que Galicia foi a Madrid. Esta tarde lía na cova da moura os escritos de toda aquela xente que deixou alí a súa pegada e sentín de novo toda aquela emoción que sentimos os que aló fomos o 23 de febreiro do ano 2003.
O sábado fora intenso, aínda o pasei chamando a todos aqueles que dixeran que ían ir pero ao final non foron. Por causa deles, que non foron, e por ela, que tamén quedou na Casa, houbo un momento de dúbida. Pasei toda a tarde, mentres daba voltas por toda a casa coma agardando algún sinal, dubidando se ir ou non.
Tiña que ser así e alí estaba, no frío da Ferrería de Pontevedra, preparado para ir cara a Madrid nun bus compartido cos anarquistas. Só tiña amistade cun dos do bus e era co que ía a compartir a travesía de Castela; xa estabamos para subir ao bus e uns marroquís do Grove (xuro que tiñan acento do Grove) viñeron vendendo camisetas de Nunca Máis «deseñadas?» por eles. Aí comezaba a aventura.
A primeira vez que sentín un nó na gorxa foi na altura de Verín e ver todos aqueles autobuses coas luces bermellas na noite indo en procesión sen límites. Non daba a hora de chegar, coa luz chegaron os turismos, milleiros de carros que nos adiantaban e todos levaban a nosa cultura máis próxima, con matrículas galegas e cheos de bandeiras. A ansiedade xa non era controlable ao entrar na fenda do formigón e ver as bandeiras de Nunca Máis tamén nas casas castelhanas, logo xa me deixei levar polo que alí había. Fomos camiñando ata o Museo del Prado xa que alí era o meeting point. Alí sentinme orgulloso, vin durante case unha hora como pasaba por diante nosa xente de Moaña, xente de Panxón, xente de Cambados, xente da Coruña, xente de Boiro,… e todos coa fachenda de sentírense galegos.
Quedara coa parella e polo camiño só vía caras coñecidas, vin a moita xente que había tempo que non vía, parei nunha cafetería invadida por unha tropa de Aguiño, pasei polo Reina Sofía e había un rebumbio de música e festa (tamén alí foi onde vin aos únicos energúmenos). Eles estaban na zona VIP (onde estaban os que organizan, os famosos, o camión, os animadores e maila prensa) e fixéronme pasar polo cordón de control que tiñan montado os da organización, démonos varias apertas mentres ao noso redor a prensa entrevistaba a Antón Reixa, a Manuel Rivas, algún político,… Ben logo comezamos a andar para dicirlles porque estabamos alí, reivindicándonos, aprendémoslle aos castelhanos a dicir «Con este Goberno, imos de cu» mentres nos pedían pegatinas de Nunca Máis e chegamos a un lugar que alí chaman Puerta del Sol.
Como a parella quería estar en primeira fila, loitamos por avanzar por entre máis coñecidos que saudabamos para chegar a uns quince metros do camión dos que ían falar. Dese momento lembro as chamadas que me fixeron para dicirme que me viran no Telediario e agora quedan as fotografías da prensa e o vídeo cos discursos. Na miña mente, aquel exercicio de reivindicación de responsabilidades dunha xente que actuou dun xeito incompetente e que aínda hoxe nos quer enganar; e a explosión co Miña Terra Galega de Siniestro Total (foi en tempos a nosa canción de exaltación da amistade) foi a festa rachada, nese intre todos botamos fóra toda aquela tensión acumulada durante todo o día. Un gran día.
A volta foi en carro, con turnos ao volante, e agora era eu quen adiantaba a toda aquela rigleira de turismos e autobuses galegos. As conversas foron sobre a experiencia vivida. Nós xa nos decatabamos que fora un día moi importante nas nosas vidas e na do noso País. Galicia aínda estaba viva.
Supoño que calquera que vexa as fotografías poderá imaxinar o que alí pasou pero creo que só os que alí estivemos temos rexistradas esas vivas sensacións que xamais esqueceremos. Hoxe soñaba con lle poder contar ao noso fillo que eu tamén estiven alí e que cando cheguei onde a súa nai só quería falarlle en todo o que me pasara durante horas. Á mañá seguinte doíanme os pulmóns de tanto soplar co asubío. Aínda se me pon o pel de galiña e as bágoas ameazan aos meus ollos.
Llegué a tu blog de casualidad. Me gustó mucho!. Adios!